APE Galicia entrega 123.000 máscaras de protección a autónomos e pequenas empresas

Pontevedra
25 de abril 2020

José Ramón Caldas, presidente da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia, indica que a repartición está a facerse entre os seus afiliados e aínda quedan por entregarse outras 20.000 coa intención de garantir a salubridade dentro do sector

Máscaras de protección que reparte APE-Galicia
Máscaras de protección que reparte APE-Galicia / APE-Galicia

A Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) en colaboración coas asociacións vinculadas sumouse ao programa de adquisición de máscaras de protección dentro do plan establecido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co IGAPE

Con esta iniciativa preténdese dotar deste elemento de seguridade ante a pandemia do Covid-19 ás persoas asociadas a APE Galicia por prezos económicos. Repartíronse xa 123.000 máscaras de protección e estase á espera de achegar outras 20.000 máis entre persoas que forman parte das distintas asociacións que integran APE-Galicia.

José Ramón Caldas, presidente deste colectivo, indica que a medida foi moi ben acollida dentro das persoas que forman parte da asociación e responde á demanda de numerosos autónomos que atopaban dificultades para conseguir material de protección. 

Desde APE-Galicia tamén se está a trasladar información sobre as recomendacións preventivas de saúde laboral ante a expansión do coronavirus. Trátase da guía elaborada polo ISSGA a través da que o colectivo tenta informar aos  autónomos.

Desde esta asociación lembran ao sector que se manteñen activos para colaborar nas medidas necesarias para abordar o actual estado de alarma e a progresiva reincorporación á actividade laboral.