Apelan á corresponsabilidade ante a violencia machista: "É moi triste seguir escoitando entre veciños e amigos que isto se vía vir"

Pontevedra
07 de febreiro 2023

A violencia machista é un problema social da que "todos e todas somos corresponsables". O asasinato de Beatriz Lijó Gesteira, á que matou a súa ex parella en Baiona, volveu a poñer sobre a mesa o papel que, como sociedade, debemos ter para combater esta lacra. Así quedou de relevo na concentración celebrada este martes en Pontevedra

Concentración na Subdelegación do Goberno pola víctima de violencia de xénero de Baiona
Concentración na Subdelegación do Goberno pola víctima de violencia de xénero de Baiona / PontevedraViva

A violencia machista é un problema social da que "todos e todas somos corresponsables". O asasinato de Beatriz Lijó Gesteira, á que matou a súa ex parella en Baiona, volveu a poñer sobre a mesa o papel que, como sociedade, debemos ter para combater esta lacra.

"É moi triste, e é algo que se repite, seguir escoitando entre o seu círculo de veciños e amizades que isto se vía vir, que calquera día ía pasar", lamentou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que apelou a esta "corresponsabilidade" dos cidadáns.

A vítima, segundo explicou Larriba, non presentara denuncia por malos tratos contra a súa parella, pero si constan en relación á custodia dos fillos. A pesar de que esta situación era coñecida pola súa contorna, ninguén deu o paso para alertar ás autoridades.

Por iso é polo que pedira que institucións, corpos policiais e a contorna das vítimas aúnen esforzos "para que evitar que se produzan mortes como esta". As mulleres deben saber "que non están soas" e que "todos os homes e mulleres de ben estamos con elas", dixo.

A vítima de Baiona, a oitava muller asasinada en España no que vai de ano, "era unha muller nova e nai" e a súa morte foi especialmente sentida na sede gobernamental, xa que era funcionaria do Estado e traballara un tempo na propia Subdelegación.

No medio da "profunda dor" que causou o seu asasinato, Maica Larriba insistiu que a violencia machista "non é un problema persoal" e que todos debemos de ser "conscientes" que esta lacra "existe" e que ás mulleres "nos seguen matando polo feito de ser mulleres".

A este respecto, a subdelegada considerou "irresponsable" que, ante as evidencias e as mortes que deixa a violencia machista en España, "haxa quen segue negando que exista".

CONCENTRACIÓN NA SUBDELEGACIÓN 

Debido a este crime, convocouse unha concentración unitaria entre o Concello de Pontevedra e a Subdelegación do Goberno á que asistiron todos os partidos políticos con representación municipal, o deputado provincial Gregorio Agís, representantes da subdelegación e da policía nacional.

Esta convocatoria iniciouse cun minuto de silencio, posteriormente Larriba, que se mostraba afectada, transmitiu unha mensaxe de apoio á familia, fillos e amigos. Ademais, tamén quixo realizar unha chamada de atención e lembrar que "as mulleres saiban que non están soas, que estamos con elas " e fixo fincapé en que hai que denunciar, xa que este é outro caso no que non hai ningunha denuncia de violencia de xénero e a súa contorna expón que a vítima estaba sometida a presión por parte da súa exparella.

Unha vez finalizada esta mensaxe de apoio, laiouse por esta muller e por todas as que sufriron e sofren violencia de xénero. Adicionalmente, tamén laza unha mensaxe de rexeitamento ás persoas que negan a existencia da violencia de xénero e comenta que este problema ten que ser combatido por toda a sociedade. 

Esta última mensaxe foi complementada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que transmite que unha gran parte da poboación está a loitar con esta lacra social, que está instaurada na nosa historia e na estrutura social, comenta que "se invisten os máximos esforzos formativos, informativos, económicos e non se pode dar un paso atrás na loita contra a violencia machista" e finaliza expoñendo que esta loita gañarase de forma conxunta.