Aplican intelixencia artificial na área sanitaria para informar con rapidez sobre radiografías óseas simples

Pontevedra
21 de xuño 2024

Na actualidade, realízanse arredor de 12.000 radiografías ao mes no centros do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, e unhas 4.500 mensuais no Hospital do Salnés. Na primeira fase de aplicación deste software, o algoritmo analizará a maioría do sistema músculo-esquelético. Ao longo do ano van incorporarse as placas da columna dorsal e lumbar, e tamén as de tórax

Primeiros traballos do sistema de IA para radiografías óseas simples na área sanitaria
Primeiros traballos do sistema de IA para radiografías óseas simples na área sanitaria / Área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, SERGAS

Desde este xoves 20, a área sanitaria de Pontevedra - O Salnés utiliza un software informático baseado na intelixencia artificial.

O sistema permite informar en minutos sobre o resultado de radiografías óseas simples, despois do estudo da imaxe ante a sospeita dunha fractura, unha luxación ou un derrame.

Segundo a xerencia da área sanitaria, este sistema achega fiabilidade, acerto elevado, garantía na clínica e aforro de tempo, mellorando a atención ao paciente.

O algoritmo está validado inicialmente para actuar no ámbito músculo-esquelético, agás no caso das radiografías de columna dorsal e lumbar, que se incorporarán ao programa dentro de aproximadamente catro ou cinco semanas.

Nunha terceira fase, xa no outono, a intelixencia artificial fará diagnósticos nas placas de tórax.

Segundo os datos que manexa a área sanitaria, actualmente realízanse ao redor de 12.000 radiografías ao mes nos centros hospitalarios públicos de Pontevedra e ao redor de 4.500 mensuais no Hospital do Salnés.

Con esta nova ferramenta, o profesional médico poderá visualizar, nuns minutos, na pantalla do seu computador a imaxe radiolóxica orixinal, unha copia coa patoloxía resaltada e un pequeno informe co diagnóstico. 

O sistema funciona a través de comparativas con outras imaxes con lesións.

O proxecto tecnolóxico coordínase polo Servizo de Radiodiagnóstico da área sanitaria. 

A doutora Dolores Durán, xefa do servizo, afirma que a ferramenta de apoio ao diagnóstico ten un valor preditivo superior ao 99%. Isto supón, segundo explica, que descarta cun alto nivel de fiabilidade as probas negativas ante a sospeita de fracturas, luxaciones ou derrames.

O doutor Javier García Vega, xefe das Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, incide na elevada fiabilidade do programa para descartar elementos anormais nas imaxes, ademais de ofrecer unha maior seguridade na toma de decisións con aforro de tempo nos diagnósticos.

Manuel Vázquez Lima, doutor e coordinador das Urxencias do Hospital do Salnés, tamén apunta na mesma liña e considera este sistema un salto cualitativo para os servizos de Urxencias.

Todos os especialistas coinciden tamén no beneficio que supoñerá para a Atención Primaria. Os médicos dos centros de saúde obterán un resultado máis rápido para descartar unha lesión ou para ter un diagnóstico e adoptar unha decisión adecuada de fronte ao tratamento.