Aplican un novo tratamento contra o picudo vermello nas palmeiras da cidade

Pontevedra
28 de abril 2020

O coronavirus non detén a loita contra unha das pragas que máis se estendeu polas árbores da cidade nos últimos anos, o picudo vermello. Todas as palmeiras dos principais parques históricos do centro urbano recibiron un novo tratamento contra este parasito

Vista aérea do parque das Palmeiras
Vista aérea do parque das Palmeiras / Concello de Pontevedra

O coronavirus non detén a loita contra unha das pragas que máis se estendeu polas árbores da cidade nos últimos anos, o picudo vermello. Todas as palmeiras dos principais parques históricos do centro urbano recibiron un novo tratamento contra este parasito.

A empresa especializada en control de pragas Galides SL foi contratada polo Concello para realizar estas terapias fitosanitarias cun orzamento de 14.500 euros.

A intervención foi completada coa axuda dun camión-guindastre cun brazo extensible que pode acadar os 50 metros de altura, o que permitiu levar a cabo unha revisión exhaustiva do estado sanitario das árbores e constatar que todas continúan sas e non teñen verme.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que as palmeiras canarias que hai na cidade son un dos elementos vexetais de maior valor ornamental, histórico e sentimental e representa unha "prioridade" seguir conservando intacto este patrimonio. 

Puentes destaca ademais o seu valor "singular e monumental" e o seu porte "imponente", xa que pertencen á época do impulso de Pontevedra a partir de mediados do século XIX, coa construción dos grandes edificios públicos, como a Casa Consistorial ou o Pazo Provincial.