Apoio no Congreso á construción dunha nova Comisaría da Policía Nacional en Pontevedra

Pontevedra
22 de novembro 2024

Irene Garrido, do Partido Popular, presentou esta iniciativa que contou co apoio da comisión de Interior do Congreso dos Deputados. Tamén demandou a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Pontevedra

Patrulla da Policía Nacional diante da Comisaría
Patrulla da Policía Nacional diante da Comisaría / Mónica Patxot

O Congreso deu luz verde á proposta de construír unha nova comisaría en Pontevedra e á creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na cidade do Lérez.

Esta decisión parte da demanda para mellorar a infraestrutura policial e reforzar a seguridade na zona norte da provincia, incluíndo municipios como Marín e Vilagarcía.

A deputada do Partido Popular Irene Garrido presentou a iniciativa na comisión de Interior do Congreso e destacou a necesidade destas medidas para solucionar as carencias actuais do edificio onde se atopa a Comisaría Provincial da Policía Nacional en Pontevedra, situado en Joaquín Costa.

Entre outras cuestións, denunciou a falta de vestiarios axeitados para os axentes e a insuficiencia de espazo nas dependencias, o que afecta a privacidade dos cidadáns durante a atención de denuncias.

Ademais, a idea de establecer unha UPR en Pontevedra permitiría realizar controis máis efectivos e contribuír á loita contra o crime organizado e o tráfico de drogas.

Actualmente, esta Unidade atópase só en Vigo dentro da provincia e vese obrigada a desprazarse a outros puntos do Estado. En concreto, este Nadal será enviada a Alxeciras.

A iniciativa, impulsada polos populares, subliña a importancia de dotar a Pontevedra de recursos similares aos doutras cidades, asegurando un servizo policial adaptado ás necesidades das Rías Baixas.

O representante do grupo socialista, Víctor Ruíz de Diego, indicou que se están a dar os pasos para a creación da nova comisaría e sinalou que o Goberno pedíu información urbanística ao Concello de Pontevedra para estudar o traslado á Casa do Mar de Mollavao.