Aposta marinense pola gaiola para facer fronte a gaivotas e pombas

Marín
10 de febreiro 2025
Actualizado: 16:56

O Concello anunciou a instalación desta ferramenta de captura no tellado do Multiusos do Mercado de Abastos, onde se detectaron problemas de suciedade e salubridade provocados polas aves

Nova gaiola para pombas e gaivotas no Mercado de Marín
Nova gaiola para pombas e gaivotas no Mercado de Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín anuncia a instalación dunha nova gaiola de captura ao vivo no tellado do Multiusos da Praza.

Esta medida forma parte dun servizo gratuíto, incruento e sostible para o control de pombas e gaivotas patiamarelas.

A iniciativa chega tras un aumento de incidencias na zona da Praza de Abastos, onde os problemas de suciedade e salubridade provocados por estas aves forzaron aos responsables a reforzar o sistema de xestión poboacional.

O goberno loca indica que leva anos con este método que, ademais de evitar danos ás especies, permite manter un equilibrio na convivencia entre a comunidade e os animais.

Nos últimos meses, a empresa encargada deste servizo atendeu 105 reclamacións, dos que 77 se referían a gaivotas e 28 a pombas.

Durante o control quincenal realizado dende agosto de 2024 ata o mes pasado, foron efectuadas 93 visitas nas que se revisaron 72 tellados, retirándose 5 exemplares adultos de gaivota e 160 pombas, así como a eliminación de 73 nidos de gaivotas, 8 de pombas, 23 ovos de gaivota e 1 de pomba.

Ademais, foron retiradas 31 crías de gaivota e 6 de pomba, resultando actualmente 5 incidencias activas.

Para asegurar a eficacia do servizo, o Concello non só instalou a nova gaiola no Multiusos, senón que tamén dispón de dúas unidades suplementarias, instaladas no Hotel Libertad e na Rúa Outeiro. Deste xeito, espera reducir especialmente a presenza de pombas na zona, preservando a limpeza e a saúde pública do centro urbano.

Pombas
PombasConcello de Marín

As persoas residentes en Marín que queiran contar cunha revisión gratuíta dos tellados poden poñerse en contacto co servizo chamando ao 620 00 28 64, en horario de luns a venres, das 08:00 a 14:00 e das 16:00 a 19:00 horas.

A presenza destes animais adoita ser molesta principalmente para locais de hostalería con terraza.