A aplicación Meu Concello, posta en marcha o pasado mes de xullo en Sanxenxo, permitiu canalizar e resolver 808 incidencias no municipio.
Así o deu a coñecer o Concello este mércores. A modo de balance explican que as incidencias máis frecuentes son as que fan referencia a fallos na iluminación (56%), seguido de beirarrúas e calzadas (15%), limpeza (3%), mobiliario urbano (3%), parques e xardíns (3%), sinais e semáforos (3%) e limpeza (2%).
O Concello de Sanxenxo anima os cidadáns a utilizar esta App e defende que a través da implantación desta canle directa de comunicación "búscase axilizar e atender as peticións dos seus veciños".
A aplicación permite aos veciños e veciñas informar sobre problemas ou danos localizados no municipio e eses avisos van directamente ás áreas das que dependen.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario descargar a aplicación Meu Concello en Google Play ou APP Store. É un servizo gratuíto e un procedemento rápido e sinxelo.
Para comunicar unha incidencia, basta con picar sobre o botón "Nova Incidencia" e, de forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano.
O seguinte paso é achegar foto da incidencia e observacións sobre a mesma. Unha vez enviada, persoal do Concello recibe notificación do dano comunicado e inícianse os trámites para darlle solución.
O cidadán recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado. Tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa o aviso.
A través do botón de 'Noticias e alertas', o cidadán tamén pode acceder e todas as comunicacións que o Concello emita.