As previsións de mal tempo que hai para este mércores obrigarán a aprazar a celebración do Correlingua, unha iniciativa na que ían participar 1.500 nenos e nenas de Pontevedra e a súa comarca polas rúas da cidade.
Os seus organizadores anunciaron que pasará a celebrarse o próximo xoves 18 de maio.
Con todo, o programa de actividades mantense e haberá a tradicional carreira, un concerto, unha solta de globos e agasallos para os participantes, entre outras iniciativas.
O Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país.
É unha proposta de carácter lúdico-educativa que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.