Aprobada a estratexia para o desenvolvemento da economía rural en Pontevedra e Morrazo

Pontevedra
06 de xullo 2023

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo (GDR Pontevedra Morrazo) celebraba este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra a Xunta directiva e a Asemblea xeral, nas que se aprobou a Estratexia de desenvolvemento participativo (EDLP) 2023-27 que orientará os fondos europeos do Programa LEADER dos vindeiros anos no territorio

Xunta directiva e a Asemblea xeral do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo
Xunta directiva e a Asemblea xeral do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo (GDR Pontevedra Morrazo) celebraba este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra a xunta directiva e a asemblea xeral.

Entre outros asuntos, aprobouse a Estratexia de desenvolvemento participativo (EDLP) 2023-27 que orientará os fondos europeos do Programa LEADER dos vindeiros anos no territorio.

A estratexia coordina e integra todas as accións sobre o territorio co obxectivo de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local. 

O plan de acción incorpora unha nova forma para fomentar o emprego no rural: o Bono activa rural, unha axuda destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. 

No apartado de formación, afóndase na viticultura e na silvicultura sustentables.

Pola súa banda, no plan de cooperación contémplase a coordinación de catro proxectos en colaboración cos GDR de Galicia que apostan pola produción agrogandeira de carácter artesanal; a maneira cooperativa dos servizos ecosistémicos que prestan as comunidades de montes; o desenvolvemento do enoturismo ligado ás IXP vitícolas de Galicia; e a dixitalización do tecido económico local.

A estratexia tamén contempla actuacións propias do GDR no ámbito da animación e dinamización territorial, como o desenvolvemento da "Ruta dos viños oceánicos" da IXP Ribeiras do Morrazo, o proxecto "Memoria sonora" ou a campaña de sensibilización ambiental para preservar a paisaxe.