Aprobada a instrución previa á ordenanza das terrazas de Marín

Marín
30 de abril 2021

Esta instrución pretende ser unha base de cara á nova ordenanza que se tramitará ao longo destes seis meses. Nesa nova ordenanza, recolleranse unha serie de criterios estéticos para os elementos que conformen as terrazas para que manteñan unha estética homoxénea

Terraza na rúa Méndez Núñez xunto á Alameda de Marín
Terraza na rúa Méndez Núñez xunto á Alameda de Marín /

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informaba este venres de que xa se asinou a instrución que establecerá as condicións xerais para a tramitación de solicitudes de autorización de terrazas que deben pedir os hostaleiros de cara a ocupar a vía pública cos veladores.

Esta instrución é un trámite previo á modificación da actual ordenanza, xa que este proceso durará "en torno a seis meses", tal e como indicou a rexedora, quen explicaba que "require un trámite de consulta pública previa á súa aprobación inicial e un posterior trámite de información pública de 30 días hábiles". Por estes motivos, o Concello adianta esta instrución co obxectivo de facilitar aos hostaleiros que soliciten a colocación de mesas e cadeiras para que poidan seguir prestando este servizo, "que se volveu esencial nestes momentos de pandemia, dada a súa maior seguridade que supoñen fronte aos interiores", apuntaba Ramallo.

"Somos conscientes de que a terraza está a constituír un elemento clave para garantir a supervivencia dos locais e por iso temos que poñer todo o noso esforzo para conseguir que poidan seguir funcionando, mantendo as medidas e pedindo toda a responsabilidade tanto a hostaleiros como a clientes", expoñía a rexedora marinense.

NOVA ESTÉTICA DAS TERRAZAS

Esta instrución pretende ser unha base de cara á nova ordenanza que se tramitará ao longo destes seis meses. Nesa nova ordenanza, recolleranse unha serie de criterios estéticos para os elementos que conformen as terrazas, "para que pouco a pouco consigamos facer máis homoxéneo o mobiliario que está no espazo público", explica a alcaldesa.

Na instrución, xa aparecen definidos os elementos de mobiliario urbano que poderán integrarse nas terrazas: veladores compostos por unha mesa e un máximo de catro cadeiras; elementos de sombra, como antucas, parasoles ou pérgolas; elementos de climatización, como calefactores ou ventiladores; paramentos desmontables, como paraventos, enreixados, sebes en macetas, plantas ou outros elementos calquera que delimiten en liña vertical a zona ocupada; e tarimas, nos supostos nos que sexa necesario pola inclinación da rúa.

Todos os elementos que se instalen terán que constar na licenza da terraza e cando sexa preciso ancorar un toldo a unha parede, haberá que solicitar de xeito paralelo unha licenza urbanística ou tramitalo a través dunha declaración responsable. Ademais, en caso de que se permita a instalación deste elementos, terán que ser dunha mesma cor, non podendo utilizarse modelos diferentes nunha mesma terraza e non se poderá poñer publicidade. O obxectivo é que todo este mobiliario sexa de material resistente, de fácil limpeza e cun deseño atractivo, que utilice cores neutras, con uso preferente do negro, o branco e o gris metalizado, ou similares.

Esta instrución será enviada agora ao BOP para a súa publicación, momento no que entraría en vigor. Os hostaleiros terán unha marxe de dous anos para ir pouco a pouco actualizando o seu mobiliaro ás novas condicións xerais que recollerá o novo documento municipal que poderá ser consultado na web do Concello de Marín.