Aprobada a limitación a tres horas de aparcamento na contorna do centro comercial da Barca

Poio
01 de abril 2026

O Concello achegará o 30% do custo da obra de pavimentación que se vai realizar na zona e establecerá ese límite para estacionar, segundo se aprobaba na sesión plenaria

Rotonda da ponte da Barca
Rotonda da ponte da Barca / Pablo Ajuria - Brais Porto

O pleno do Concello de Poio aprobou a modificación de crédito necesaria para garantir a achega municipal destinada á pavimentación da contorna do Centro Comercial A Barca, na parroquia de San Salvador.

Esta intervención realizarase a través dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, administración que se encargará da licitación e execución do proxecto.

O Concello asumirá o 30% do custo total da actuación, o que supón un investimento de 68.512,64 euros. Para facer fronte a esta contía, o Goberno local utilizará fondos remanentes procedentes de baixas na adxudicación de contratos anteriores, concretamente da renovación do parque infantil de Lourido e da subministración de composteiros individuais.

A actuación proxectada abrangue o acondicionamento dos accesos e do aparcamento exterior.

Unha vez finalizada a obra, o estacionamento pasará a ter unha limitación de tempo máximo de tres horas.

Segundo recolle a proposta técnica, este sistema non requirirá de pago por parte dos usuarios e ten como finalidade regular a rotación de vehículos nunha zona de elevada actividade comercial e de servizos.

A sinatura oficial do convenio coa Xunta de Galicia, que permitirá dar inicio aos trámites administrativos da obra, está prevista para as próximas semanas.

A sesión plenaria tamén serviu para aprobar unha modificación na relación de postos de traballo (RPT).

O acordo implica a creación dunha praza de axente e a habilitación dun posto de segunda actividade para tarefas administrativas dentro do corpo da Policía Local.

Esta medida coincide coa incorporación, este mesmo 1 de abril, de dous auxiliares e un novo axente ao corpo municipal. A votación deste punto contou cos votos a favor do Goberno local e a abstención da oposición. O sindicato CSIF amosou o seu rexeitamento.

DEBATE

No transcurso do pleno, a xestión das estradas centrou parte do debate entre os grupos políticos.

O Goberno local enumerou diversas intervencións realizadas en vías e camiños de todas as parroquias, mencionando actuacións en núcleos como Esperón, Costa de Arriba, Liñares, Chancelas, Fonteiriñas ou a Banda do Río, entre outros.

A oposición criticou o estado de zonas como o Camiño Real onde, despois dun mes das obras, só se pode pasar "en piragua".

Pola súa banda, desde a alcaldía subliñouse a política de realizar investimentos en viais secundarios para garantir os servizos en zonas con menor densidade de vivendas.

A sesión plenaria pode verse na canle de Youtube do Concello de Poio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora