Sanxenxo aproba, entre críticas da oposición, a segunda fase do novo mercado

Sanxenxo
27 de xullo 2026
Actualizado: 19:20

O proxecto está valorado en 5,4 millóns de euros e arrancará en setembro. O BNG rexeitou a actuación, cualificada como "macroproxecto" e "despilfarro"

Obras no Mercado de Abastos de Sanxenxo
Obras no Mercado de Abastos de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O pleno de Sanxenxo aprobou este luns, cos votos a favor do Partido Popular e o rexeitamento de BNG e PSOE, a adxudicación definitiva da segunda fase do novo edificio do mercado de abastos.

O proxecto, adxudicado a Oreco Balgón, está valorado en 5,4 millóns de euros e arrincará en setembro.

O alcalde, Telmo Martín, defendeu a iniciativa como "unha obra emblemática que suporá un revulsivo para a zona este do municipio chamada a crecer tanto comercialmente como en poboación".

Neste sentido, destacou que Sanxenxo é un dos poucos concellos do seu tamaño con dous mercados, á vez que avanzou que o de Portonovo "haberá que amplialo máis pronto que tarde".

O rexedor tamén reprochou á oposición a súa decisión ao considerar que "están a votar en contra dun mercado, dunha biblioteca, dunha sala de lectura, dun espazo gourmet e dun aparcadoiro".

Fronte a esta postura, o BNG reiterou o seu rexeitamento ao proxecto, ao que cualificou de "macroproxecto" e "despilfarro".

O seu portavoz, Octavio González, cuestionou o investimento e afirmou que en Sanxenxo existen actuacións "máis urxentes nas que tería máis sentido facer investimentos ambiciosas. Non é o momento, nin o lugar nin a contía", sostivo.

Os nacionalistas tamén expresaron dúbidas sobre a localización elixida, na avenida de Madrid, e sobre a capacidade do aparcadoiro previsto, que consideran insuficiente, especialmente en tempada alta.

Ademais, criticaron que servizos como a aula de estudo non deberían depender dun proxecto a longo prazo e instaron o alcalde a que teña en conta as necesidades de traballadores e traballadoras do Mercado de Abastos de Sanxenxo e Portonovo.

No mesmo pleno deuse luz verde a unha moción de apoio á actualización do plan de normalización da lingua galega, co respaldo do PP, a abstención do PSOE e o voto en contra do BNG.

A portavoz de goberno, Paz Lago, lamentou que non houbese consenso e indicidó en que "moi mal lle iría á nosa lingua se só a falasen os do BNG ou os do PSOE".

Non saíu adiante, con todo, a proposta socialista para elaborar un plan estratéxico de servizos sociais e mellorar a transparencia no financiamento do sistema de dependencia e servizos sociais.

Neste caso, Lago, defendeu a xestión municipal neste ámbito, destacando que Sanxenxo destina 235 euros por habitante ao ano a servizos sociais, por encima doutras cidades galegas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora