Aprobada a transformación da estrada Noalla-Aios con senda peonil de case un quilómetro

Sanxenxo
29 de agosto 2025

A Deputación investirá 1,2 millóns neste proxecto que inclúe a renovación completa da calzada con una senda que dá continuidade peonil entre Noalla e A Lanzada

Tramo da estrada entre Noalla e Aios en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto que transformará radicalmente a EP-9208 que conecta Noalla con Aios, en Sanxenxo, cun investimento total de 1,2 millóns de euros.

A actuación creará un itinerario peonil de 960 metros de lonxitude que solucionará os problemas de seguridade nun tramo de alta afluencia de peóns.

O presidente provincial, Luis López, anunciou este venres que a institución se fará cargo do 80% do orzamento (950.000 euros), mentres que o Concello achegará os 240.000 euros restantes, completando así un convenio xa aprobado a finais do ano pasado.

A obra principal consistirá na construción dunha senda peonil de 2,5 metros situada na marxe dereita da estrada, que dará resposta ás "situacións de risco e inseguridade" nun tramo que conecta puntos estratéxicos como o cemiterio de Noalla, a igrexa de Santo Estevo e o itinerario peonil da EP-9212.

López explicou que esta actuación responde ao obxectivo prioritario do Concello de Sanxenxo de "dar continuidade aos traballos de mobilidade peonil entre Noalla e a Praia da Lanzada".

O proxecto contempla unha renovación completa da estrada que inclúe a rehabilitación do firme con mestura bituminosa en quente, a redistribución dos espazos existentes na plataforma e a relocalización das paradas de autobús.

Ademais, incorporarase mobiliario urbano, pasos peonís elevados, redutores de velocidade e mellorará o sistema hidráulico substituíndo as cunetas profundas por cunetas remontables. Unha das actuacións máis destacadas será o soterramento da rede eléctrica e de telecomunicacións, xunto coa renovación do alumeado público e a rede de drenaxe.

A Xunta de Goberno provincial tamén aprobou unha achega de 450.000 euros do Plan +Provincia para a humanización do núcleo rural do Padriñán, en Sanxenxo.

Esta actuación vai centrarse na mellora e peonalización dos vieiros e na actualización dos servizos de abastecemento, saneamento, electricidade e iluminación de sete vías e camiños.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora