Comezan os traballos de asfaltado na avenida do Uruguai e nun tramo da avenida de Bos Aires, concretamente no espazo situado entre a ponte das Correntes e a ponte de Santiago.
A intervención, coordinada pola Concellaría de Servizos Urbanos Básicos, iniciouse co fresado dos tramos que presentaban irregularidades e fochancas no pavimento.
O punto de maior actividade localízase na rotonda que enlaza a ponte de Santiago coa avenida de Bos Aires e a rúa Padre Amoedo, onde as tarefas de pavimentación se desenvolverán durante o mércores 15 e o xoves 16 de xullo.

Para executar estas tarefas, a Policía Local coordinou un dispositivo de tráfico que cortará a circulación na avenida de Bos Aires, no tramo entre a ponte do Burgo e a ponte dos Tirantes, de 07:00 a 15:30 horas.
Fóra deste horario a vía quedará aberta ao tránsito, manténdose en todo momento o acceso habilitado para residentes e servizos de urxencia.
En canto ao medio rural, os traballos céntranse esta semana no lugar de Laxiñas, na parroquia de Mourente, así como nos puntos do Teso e do Tombo, na parroquia de Bora. Unha vez completados estes espazos, os equipos técnicos trasladaranse á parroquia de Tomeza.
Estas melloras súmanse ás xa finalizadas recentemente en rúas urbanas como Doce de Novembro ou Corvaceiras, e en camiños de Lourizán, Campañó, Alba e Salcedo.
O proxecto global conta cun orzamento de adxudicación de 4.444.436 euros, distribuído en catro lotes de actuación.
A empresa E.C. Casas asume as obras do centro urbano e da zona periurbana por un total de 2,24 millóns de euros, mentres que a firma COVSA xestiona as áreas rurais e os polígonos industriais por un importe conxunto de 2,19 millóns de euros.
A planificación prevé actuar no mes de agosto nos parques empresariais do Campiño e do Vao. En total, o plan prevé renovar 191.304,5 metros cadrados de superficie de rodadura, ademais de instalar novos redutores de velocidade e renovar a sinalización horizontal e vertical.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.