Aprobadas novas axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas en Estribela e o centro histórico

Pontevedra
22 de xuño 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou unha nova convocatoria para o ano 2023 de axudas á actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral (ARI / ARRU) 

Praza da Leña, Pontevedra
Praza da Leña, Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno Local de Pontevedra aprobou unha nova convocatoria para o ano 2023 de axudas á actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral (ARI / ARRU) do núcleo de Estribela e do conxunto histórico da Boa Vila.

Para estes asuntos resérvanse ata 212.316 euros para o centro histórico e 63.648 euros en Estribela, fondos remanentes do Plan Estatal 2013-2016 que foi prorrogado nos últimos anos.

Trátase dunhas axudas que poderán ser solicitadas durante un mes desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Están destinadas a actuacións consideradas como medianas xa iniciadas e proxectadas, tanto para a rehabilitación de vivendas como de efidicios, pero cuxas obras deberán estar finalizadas antes do mes de decembro.

En total o solicitante poderá beneficiarse de ata 15.000 euros no centro histórico e ata 12.000 euros en Estribela, sendo unhas subvencións restrinxidas a vivendas de uso habitual por parte do propietario, e no caso de que sexan destinadas ao alugueiro este deberá ser convencional, quedando excluídas as vivendas de uso turístico.