Aprobadas, por procedemento de emerxencia, as obras na rúa Eduardo Pondal á altura do número 22

Pontevedra
15 de maio 2023

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou a adxudicación das obras á empresa Viaqua por 175.063 euros. A zona leva meses cun valado debido á aparición dun afundimento da beirarrúa. Van cambiarse as redes de evacuación de augas residuais e pluviais nesta zona para evitar que continúe afundíndose o pavimento

Zona valada en Eduardo Pondal onde se realizarán obras
Zona valada en Eduardo Pondal onde se realizarán obras / PontevedraViva

A través do procedemento de emerxencia, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba este luns as obras de emerxencia que levarán a cabo na rúa Eduardo Pondal, á altura do número 22, na confluencia coa rotonda de Virxe do Camiño, que leva con valos e estruturas metálicas para o acceso de peóns desde hai meses.

Segundo explicou Anabel Gulías, portavoz do goberno local, detectouse un afundimento na beirarrúa nun tramo de Eduardo Pondal e, ante a posibilidade de que aumentase, decidiuse acometer esta obra.

O proxecto consiste en renovar as redes fecais e pluviais, ademais de acondicionar o pavimento neste espazo público.

O traballo adxudícase á empresa Viaqua por unha cantidade de 175.063 euros. 

CESIÓN DE TERREO EN MONTECELO

Tamén relacionado con augas residuais e pluviais na ampliación do Hospital Montecelo e do proxecto de estrada para acceder a estas novas instalacións, tratouse na Xunta de Goberno a cesión gratuíta dun particular dun terreo de 150 metros cadrados por onde se instalarán as tubaxes destas augas para dar servizo tanto ao centro hospitalario como á calzada.

Segundo explicou Anabel Gulías, a pesar de que a maioría dos terreos por onde transcorren as tubaxes son públicos era necesario este tramo particular para executar a instalación, que permita continuar coas obras sen incidencia.

REFORMA DA FACHADA DA RESIDENCIA DE ESTUDANTES

Ademais, concedíase a licenza para realizar as obras de reforma da fachada da Residencia de Estudantes pertencente a Afundación, na avenida de Vigo, 21. 

Estes traballos centraranse na mellora das condicións de impermeabilidade e envolvente térmica co obxectivo de aumentar a eficiencia e establecer criterios de sustentabilidade da residencia.

O orzamento ascende a 563.661 euros e o prazo de execución é de 12 meses. 

PRÓRROGA DO CONTRATO DE RESIDUOS

Gulías tamén informaba da prórroga do contrato da xestión indirecta de recollida de residuos sólidos urbanos cunha duración dun ano.

A prórroga entrará en vigor o 9 de xuño mentres continúa o procedemento de licitación do novo contrato de recollida de lixo. En caso de que se resolva antes dun ano xa se continuaría coa nova contratación.

O contrato renóvase por unha cantidade de 6.893.473 euros, prezo vixente.