Aprobado o expediente de contratación para solucionar os problemas de saneamento en Ponte Muíños

Pontevedra
28 de maio 2026

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu luz verde ás obras para substituír as canalizacións da Rúa das Camelias, que se atopaban en mal estado afectando a un centenar de veciños

Rúa das Camelias en Ponte Muíños
Rúa das Camelias en Ponte Muíños / PontevedraViva

Os problemas de saneamento da Rúa das Camelias, no barrio de Ponte Muíños, teñen os días contados.

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este xoves o expediente de contratación das obras para mellorar a rede de rede de sumidoiros e pluviais desta rúa.

"A situación era que hai un antigo colector que se atopaba en moi mal estado, presentaba filtracións e zonas obstruídas, incluso parcialmente derruídas", explicou a portavoz do goberno local, Eva Vilaverde.

Esta problemática foi denunciada en 2023 por un cento de veciños afectados, afirmando que se rexistraban inundacións que afectaban directamente a varios edificios situados na parte máis baixa da urbanización.

Chegaron a levar ante a Valedora do Pobo as súas queixas polas inundacións sufridas cada vez que se producían circunstancias meteorolóxicas adversas.

A actuación que está prevista acometer renovará a rede mediante a instalación de novas tubaxes de PVC.

O orzamento da obra, IVE incluído, ascende a 175.191,11 euros e contará cun prazo de execución de tres meses.

"Resolverá os problemas dos edificios e as vivendas situadas na parte sur da Rúa das Camelias, alí en Ponte Muíños", afirmou Eva Vilaverde tras a Xunta de Goberno.