O Consello da Xunta aprobou este venres un trámite fundamental que permite á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade seguir avanzando de cara á contratación da obra do novo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Praceres, na ría de Pontevedra.
En concreto, aprobou o anteproxecto deste novo emisario submarino, que forma parte das intervencións de mellora de saneamento e depuración no sistema de Pontevedra, declaradas de interese da comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
Esta obra hidráulica exixe o preceptivo acordo do Executivo autonómico ao supor a adaptación do planeamento urbanístico municipal.
A obra hidráulica recollida no anteproxecto do novo emisario submarino da EDAR de Praceres dispón dun orzamento de máis de 12 millóns de euros e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.
A actuación está dimensionada para dar servizo a unha poboación estimada de 141.204 habitantes equivalentes para o ano horizonte 2042 e pódese dividir en dúas actuacións principais: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e o emisario submarino.
O anteproxecto que acaba de aprobar o Consello da Xunta incorpora varias modificacións co fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública. Así, modifícase a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral, e tamén se incrementa a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario co fin de non afectar os bancos marisqueiros a pé de Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación.
A Xunta de Galicia lembra que paralelamente a esta actuación xa ten licitadas as obras de mellora do proceso de depuración da EDAR, que contan cun orzamento de máis de 16,5 millóns de euros, e que permitirán acadar un tratamento axeitado para as augas residuais de todos os concellos conectados.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.