Este 14 de marzo o pleno da corporación de Marín aprobaba o orzamento para este 2024.
O documento presentado polo goberno local presenta un orzamento de 16.342.099 euros, case un millón de euros máis que o aprobado en 2023.
No apartado de ingresos, ao redor do 52,5% procede de taxas e impostos directos e indirectos municipais. O resto derívase da participación nos tributos do Estado e da Xunta de Galicia.
Segundo indicou Manuel Santos, concelleiro de Facenda, os gastos repártense da seguinte forma:
- Seguridade cidadá (Policía Local e Protección Civil) e mobilidade urbana: 1.699.213,52 euros (10,41%)
- Urbanismo e vías públicas: 1.259.231,80 euros (7,72%)
- Servizos de abastecemento, rede de sumidoiros e iluminación pública: 2.183.221,96 euros (13,40%)
- Limpeza de espazos públicos e xestión de residuos urbanos: 2.405.921,37 euros (14,72%)
- Mellora ambiental e mantemento de parques e xardíns: 850.007,66 euros (5,20%)
- Servizos Sociais e Emprego: 1.402.954,05 euros (8,5%)
- Educación e Deporte: 1.522.604,8 euros (9,32%)
- Cultura e Festas: 1.172.565,55 euros (7,18%)
- Turismo e Comercio: 200.695,01 euros (1,23%)
- Administración xeral do Concello, Dixitalización e Participación cidadá: 2.949.700,36 euros (18,06%)
- Endebedamento:: 695.982,97 euros (4,26%)
O concelleiro responsable da área explicou que os fondos propios non permiten asumir investimentos pero está previsto que, a través da xestión con outras administracións, cofinánciense actuacións presentes e futuras no municipio.
Argumentou que o gasto se destina a calidade urbana, asistencia social, deporte e cultura e, en xeral, en blindar todos os servizos públicos esenciais de Marín.
O punto contou cos votos favorables do PP, a abstención do PSOE e o BNG votou en contra.
Tamén se aprobaba, durante o pleno, un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para a liquidación de facturas do pasado ano.
Santos manifestou que están pagas a práctica totalidade das facturas pendentes do ano 2023 a provedores, defendendo a xestión realizada nun momento en que "a inflación disparou os gastos dos concellos".
Tamén eran aprobadas as mocións do PSdeG-PSOE solicitando a paralización e replantexo do proxecto de reforma da contorna da Praza de Abastos e a do BNG sobre a intervención para a protección da Mámoa de Castiñeiras II (Pedralonga). As dúas foron apoiadas por todos os grupos con representación no pleno.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.