Aproban a creación dun centro cultural en Acevedo e a reforma do campo da festa

Pontevedra
22 de maio 2023

O proxecto que se realizará na parroquia de Ponte Sampaio era aprobado este luns en Xunta de Goberno de Pontevedra. O arquitecto que realizou o deseño da reforma é Carlos Seoane

Proxecto do núcleo de centralidade en Acevedo, en Ponte Sampaio
Proxecto do núcleo de centralidade en Acevedo, en Ponte Sampaio

Anabel Gulías, voceira do goberno local, anunciaba a aprobación na Xunta de Goberno celebrada este luns do proxecto de execución para acometer a obra de reforma do centro social de Acevedo, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.

O proxecto, segundo explicou Gulías, afecta o centro actual que ten unha estrutura de "galpón" e tamén ao campo da festa. Ademais está prevista a urbanización da contorna da capela próxima e do cruceiro.

O proxecto seleccionado corresponde a Carlos Seoane, arquitecto recoñecido por colaborar co prestixioso David Chipperfield.

Para a selección da proposta realizouse un concurso e agora o Concello xa conta cun anteproxecto para acelerar os procesos administrativos que permitan acometer nun menor prazo de tempo a obra, explicou a portavoz.

Gulías insistiu en que se busca crear un novo núcleo de centralidade cos "máis altos estándares de calidade" cun espazo de estancia veciñal e coa intención de que poida acoller as festas da zona, entre outras actividades.

O anteproxecto contempla a utilización de materiais tradicionalmente galegos mantendo respecto pola contorna. 

A intención do goberno local é desenvolver a reforma en dúas fases. A primeira afecta o edificio e ao campo da festa; mentres que a segundo céntrase na urbanización do espazo do cruceiro e da zona para comidas.