A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres achegas a cinco novos municipios da provincia dentro da liña destinada a investimentos do Plan Concellos. Entre eles, están os concellos de Vilaboa e Cerdedo-Cotobade.
Carmela Silva explicou que con esta relación aprobáronse xa achegas para investimentos nos concellos da provincia por valor de máis de 11,5 millóns de euros, é dicir, o 44,75% da liña 1, que este ano ascende a case 26 millóns.
Cerdedo-Cotobade recibirá 124.871,47 euros para o asfaltado de viarios de acceso ao colexio de Carballedo, Dorna e ao Balneario de San Xusto. Ata o momento, este concello ten o 45,52% do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado.
Pola súa banda, 72.037,33 euros serán para Vilaboa. Servirán para financiar a pavimentación e bacheo así como para o asfaltado de pistas municipais en Acuña. Con esta achega, Vilaboa ten aprobado o 37,03% do Plan Concellos deste ano.
O Plan Concellos 2017 ten asignado para este ano, recordou Silva, unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a do ano anterior e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobado xa máis de 30 millóns de euros dende xaneiro, é dicir, o 73% do plan.