Aproban o cambio a LED de toda a iluminación pública de Campañó, Alba e Cerponzóns

Pontevedra
22 de xuño 2020

Esta actuación supoñerá un investimento de 1.325.738 euros, que sairán dunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA) e que completará o Concello de Pontevedra con fondos propios

Iluminación LED na Peralba, Marcón
Iluminación LED na Peralba, Marcón / Concello de Pontevedra

Tres novas parroquias de Pontevedra verán renovada toda a súa iluminación pública. Trátase de Campañó, Alba e Cerponzóns, onde se cambiarán todos os puntos de luz actuais por lámpadas LED para reducir o seu consumo enerxético.

Esta actuación supoñerá un investimento de 1.325.738 euros, que sairán dunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA) e que completará o Concello de Pontevedra con fondos propios.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que nas tres parroquias substituiranse 35 cadros de man e 2.135 puntos de luz, o que permitirá un aforro do 66% no consumo enerxético desta iluminación pública.

O Concello enmarca este investimento na liña de traballo iniciada para reducir o consumo eléctrico no municipio, regular os niveis de iluminación e contribuír ao aforro enerxético.

O novo alumado LED xa está "totalmente operativo" en Ponte Sampaio, Bora e A Canicouva, mentres que se está colocando agora en Lourizán e xa está aprobado para Santo André de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido.

Ata o de agora investíronse preto de tres millóns de euros nestas intervencións.

Isto supón que dous terzos das parroquias do rural pontevedrés terán nova iluminación a curto prazo "e seguiremos traballando ata completalas todas", garantiu a portavoz municipal.