Aproban o III Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra

Pontevedra
24 de novembro 2014

O obxectivo deste documento, sinalou Carmen Fouces, é dotar o Concello dun "marco de actuación" en materia de igualdade entre homes e mulleres. Este plan será "flexible" e irase adaptando ás circunstancias "que vaian ocorrendo en cada momento"

Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra
Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social no Concello de Pontevedra

Por cada morte en España relacionada coa violencia de xénero, hai 12.000 mulleres "no inferno", segundo Carmen Fouces. A concelleira de Benestar Social citou un estudo publicado en 2011 para expresar a preocupación que, no goberno municipal, xera esta eiva social. Esta cuestión será un dos eixes do terceiro Plan de Igualdade que aprobou o Concello de Pontevedra e que abranguerá os anos 2015, 2016 e 2017.

O obxectivo deste documento, sinalou Carmen Fouces, é dotar o Concello dun "marco de actuación" en materia de igualdade entre homes e mulleres. Este plan será "flexible" e irase adaptando ás circunstancias "que vaian ocorrendo en cada momento".

Unha das áreas de traballo do plan de igualdade municipal será facilitar a participación e acceso á información e recursos que o Concello de Pontevedra e outras administracións poñen ao servizo de mulleres de todas as idades. Actualmente prodúcese, en opinión da edil nacionalista, un "minifundismo permanente" e a xente "non sabe a onde recorrer".

Ademais, búscase afianzar a igualdade entre homes e mulleres, fomentando o cambio de valores na sociedade "rachando co modelo actual de socialización sexista" e integrando a perspectiva de xénero e as políticas de igualdade en todos os ámbitos do Concello de Pontevedra: contratos, actividades, cursos de formación ou servizos, entre outros.

A violencia de xénero, pola súa banda, abordarase de forma integral, tanto mediante actividades que axuden ás vítimas a lidar co estrés e co control das súas emocións, coma asegurando unha atención directa a estas mulleres. Este último aspecto inclúe o mantemento do Centro de Información á Muller (CIM) e a todos os axentes que traballen neste ámbito de actuación.

Neste último aspecto sitúase a asociación de mulleres que se presentará este luns no Teatro Principal. Está formada, por agora, por cinco persoas que foron vítimas da violencia de xénero e que traballarán, en colaboración co Concello de Pontevedra, para asesorar as vítimas porque "coñecen perfectamente" o proceso polo que pasan cada unha delas, segundo explicou Carmen Fouces.