Un total de 78 actuacións musicais celebraranse ata decembro na provincia, impulsadas pola Deputación de Pontevedra, nunha nova edición do Programa +Música.
A finalidade do Programa +Música é contribuír á programación cultural dos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, a través da posta a disposición de actuacións profesionais de conxuntos musicais inscritos no catálogo de grupos +Música.
Unha variada oferta coa que se promociona a música galega e en galego e que chegará a 59 concellos da provincia, co obxectivo de contribuír na difusión e no fomento da lingua e a cultura de Galicia.
Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis ca na pasada edición, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
