Aquí viviu María Victoria Moreno, "unha namorada de Pontevedra e das súas xentes"

Pontevedra
01 de maio 2018

Desde este martes 1 de maio, unha placa no portal do edificio número 15 da avenida de Vigo recorda:"Nesta casa viviu María Victoria Moreno". Destapárona nun acto sinxelo que contou coa   presenza da súa filla, a súa neta e o seu viúvo, así como dos seus amigos e políticos

Inauguración da placa que recorda a María Victoria Moreno na súa casa da avenida de Vigo
Inauguración da placa que recorda a María Victoria Moreno na súa casa da avenida de Vigo / Mónica Patxot

María Victoria Moreno naceu en Valencia de Alcántara, Cáceres, pero era moi nova cando se mudou a traballar a Pontevedra e xa non marchou, pois ficou namorada da cidade, da terra e da lingua.

Os últimos anos da súa vida residiu no número 15 da avenida de Vigo, un edificio, unha rúa e unha zona da cidade na que difícil era mentres ela vivía atopar veciños que non a viran pasear os seus cans ou parar a charlas cos seus amigos e 'cachorros' (como ela chamaba aos seus alumnos). Tras o seu pasamento en 2005, e con motivo da súa homenaxe co Día das Letras Galegas, o Concello quixo que xa ningún se esqueza de que alí foi onde viviu. 

Desde este martes 1 de maio, unha placa recorda no portal: "Nesta casa viviu María Victoria Moreno". Ademais, como unha homenaxe á súa obra e ao amor á lingua galega que a caracterizou durante toda a súa vida adulta, engade a frase: "Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala"

A placa é unha máis das homenaxes organizadas polo Concello de Pontevedra á figura da escritora e profesora e fíxose pública este martes cun acto sinxelo que contou coa presenza da súa filla, a súa neta e o seu viúvo, así como dos seus amigos e, a nivel institucional, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; os concelleiros do grupo de goberno Alberto Oubiña, Luís Bará e Carmen Fouces; e representantes do Partido Popular de Pontevedra como Jacobo Moreira, María José Rodríguez Teso e José Luis Martín. 

O acto pechouno unha interpretación do himno galego, pero, previamente, Carmen Fouces leu unhas verbas que lle fixo chegar o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen lle foi imposible acudir ao acto. Nelas, recordou que María Victoria Moreno é a "protagonista absoluta neste ano en Pontevedra" e está a protagonizar actos que permiten "situala no lugar que debe ocupar dentro da cultura galega".

Lores considera que a súa produción literaria propia, as súas traducións, a súa docencia, o seu labor cultural, son chanzos dunha vida "entregada á supervivencia cultural de Galiza" a través dun labor abnegado e teimudo: "ensinar, prender a luz aínda nun escenario de tebras como o último terzo do franquismo, remar a prol do desenvolvemento humano e cultural das xentes da súa cidade, do seu contorno".

Destacou tamén que María Victoria Moreno foi "unha namorada de Pontevedra e das súas xentes" e que esta placa é "un tributo de homenaxe e identificación coa cidade que tan orgullosa se sente de tela tido como veciña, mestra"

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en