Tres caras novas incorporaranse á corporación municipal de Sanxenxo nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro venres 19 de decembro, ás 13:00 horas.
Unha delas, a portonovesa Arabela Deza Ferreira, farao como membro do goberno municipal, segundo confirmou este martes o Concello de Sanxenxo.
Farao en substitución de María Deza, que en outubro renunciou á súa acta de concelleira para asumir a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.
Arabela Deza, de 36 anos, ocupaba o posto número 11 na lista do Partido Popular nas últimas eleccións municipais.
"Teño vocación de servizo público e que mellor que poder facelo por e para os meus veciños. A política ábreme a oportunidade de seguir crecendo profesionalmente e poder ver coñecer servizo público desde ambas as perspectivas", apunta a nova edila.
É licenciada en Administración e Dirección de Empresas na Universidade de Vigo e cursou un Máster en Asesoría Fiscal e Tributación en Madrid.
A través dunha bolsa do Plan Concellos e, mentres preparaba a oposición, traballou como administrativa no Concello de Sanxenxo.
En maio de 2023 incorporouse como Técnico de Facenda do Estado na Delegación Especial das Palmas de Gran Canaria, onde se atopa actualmente traballando no departamento de Recadación Executiva.
No pleno do venres tamén se incorporarán á corporación municipal os concelleiros do BNG, Estrella Martínez e Adrián González, en substitución de Fran Leiro e Tamara Castro.
Á sesión plenaria, o goberno levará a aprobación definitiva da derrogación da actual ordenanza reguladora da taxa de recollida de lixo e a aprobación inicial da nova ordenanza fiscal para a taxa pola prestación do servizo.
Esta taxa non entrará en vigor ata que se adxudique o novo contrato.