A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, situada en Arcade, converteuse este venres no punto de encontro para expertas, profesionais e persoas comprometidas co futuro do marisqueo.
A Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural (ADEC) organizou o Seminario Nacional sobre Economía Social no Sector do Marisqueo, unha cita que buscou dar visibilidade e forza a modelos económicos sostibles e comprometidos coa contorna.
O obxectivo principal do seminario foi pór en valor a economía social como unha alternativa real e sostible para o marisqueo, un sector que hoxe en día se enfronta a retos moi importantes como son a remuda xeneracional, a igualdade de xénero, a sustentabilidade ambiental ou o emprendimiento colectivo, entre outros.
Especial atención tivo durante este encontro o debate sobre o papel das mulleres, verdadeiras protagonistas do marisqueo a pé, cuxa participación activa se quere impulsar tanto na toma de decisións como nos procesos de innovación.
Ao longo da tarde, déronse cita voces expertas do ámbito académico, asociativo e profesional, entre outros: Gonzalo Rodríguez Rodríguez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Pilar Otero González, presidenta de ANMUPESCA; José Carlos Macías, técnico da Confraría de Pescadores de Sanlúcar de Barrameda; Rita Vidal Mouriño, mariscadora e xestora do proxecto AmarCarril; Cristina Caramés, presidenta de ADEC, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña.
Durante os relatorios tratáronse temas tan relevantes como o futuro das confrarías, o emprendimiento colectivo, a formación profesional, a xestión sostible dos recursos mariños ou os desafíos de innovación aos que se enfronta o sector.
Así, a conselleira do Mar reivindicou ao sector do marisqueo como "axente crave na economía social de Galicia".
Segundo destacou na súa intervención, a administración autonómica actúa como "aliada" e é "vital" para poder afrontar os desafíos do futuro.

Villaverde espera que esta importancia do marisqueo en Galicia sexa recollida na definición da nova Política Pesqueira Común e na implantación do Pacto Verde dos Océanos, "pois isto contribuiría a elevar ao sector a un futuro máis xusto, centrado nas persoas, e a un modelo produtivo máis sostible e resiliente".
A conselleira destacou que "o obxectivo é poder permitir que os profesionais teñan máis e mellores oportunidades, xestionando os recursos coa suficiencia dun horizonte a longo prazo, de maneira que o mar sexa un modelo socioeconómico viable, rendible e desexable".