Arden 5,5 hectáreas nun bosque de Cuntis

Umia
25 de marzo 2019

O incendio produciuse sobre as 22:30 horas e as tarefas de extinción alongáronse ata as 4:00 horas. Os operarios de Protección Civil foron avisados unha hora despois do primeiro aviso ao 085

Tarefas de extinción do incendio de Cuntis Protección Civil

Un ciclista foi o encargado de avisar sobre as 22:30 horas deste domingo ao 085 (teléfono de Incendios Forestais de Galicia) acerca dun incendio que se produciu nun bosque de Cuntis, pero non foi ata unha hora despois cando foron alertados os axentes de Protección Civil.

Nese momento, o incendio xa estaba moi estendido e pasara dunha estrada a outra, polo que foron complicadas as tarefas de extinción.

Sobre as 22:30 horas produciuse a primeira chamada ao 085, ás 23:30 horas avisaron a Protección Civil, e ao redor das 4:00 horas acabaron coas chamas que calcinaron un total de 5,5 hectáreas de bosque e atravesou unha das estradas da zona.

Un total de 13 axentes dos municipios de Vilagarcía, Catoira, Valga e Cuntis, operarios do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) e un camión procedente de Silleda, interviñeron nas tarefas de extinción. Durante a mañá aínda había axentes regando a zona danada.