Arjen di adeus á súa panadería: "mellor parar e empezar a gozar da vida"

Pontevedra
17 de novembro 2022

Arjen Jaarsma, mestre panadeiro holandés afincado en Galicia desde hai 30 anos, vese obrigado a pechar o seu forno artesán, Pandarán, pola imparable baixada das vendas no produto que distribuía a través do pequeno comercio local

Arjen Jaarsma, mestre panadeiro, nunha imaxe de arquivo no seu obradoiro na Lama
Arjen Jaarsma, mestre panadeiro, nunha imaxe de arquivo no seu obradoiro na Lama / PontevedraViva

O pasado mes de maio, PontevedraViva publicaba o chamamento de Arjen Jaarsma para evitar o peche inminente do seu obradoiro artesán.

En apenas dez días, este mestre panadeiro holandés afincado en Galicia desde hai 30 anos conseguía o seu obxectivo: aumentar os pedidos e con iso reflotar a súa empresa, Pandarán Forno Integral.

"No mes de maio os pedidos aumentaron un 25%, o xusto para quedar a pre", manifesta Arjen Jaarsma en conversación telefónica desde o seu obradoiro no Polígono do Racelo (A Lama). Pero desde entón "houbo tres meses que foron igual de malos, e outubro e novembro foron moi malos, así que decidimos pechar porque eu xa estaba moi cansado de todo". Esta decisión facíaa pública nas redes sociais o pasado domingo, aínda que xa un mes antes informara os seus clientes e provedores.

A suba dos prezos das materias primas e da enerxía foi unha merma nos últimos tempos, pero a principal razón deste peche atópase na baixada das vendas, coa que Arjen leva pelexando os últimos cinco anos, cando tivo que despedir ao seu compañeiro no obradoiro e asumir en solitario tanto o forno como toda a parte administrativa e loxística da empresa, incluídas algunhas reparticións.

"Sobre todo é que non dá, se dese moito diñeiro contrataba máis xente e podíao ter máis relaxado, como non dá, debo traballar moito e non vexo un horizonte de que isto vai mellorar, mellor parar e empezar a gozar da vida".

A pesar deste cansazo, Arjen quere pechar a empresa dun xeito ordenado. A mensaxe do pasado domingo tiña un dobre sentido: por unha banda, dar unha oportunidade á clientela para que encargue os últimos pans e, por outra, lembrar que "se para as persoas son importantes os pequenos produtores, que consuman consciente".

Arjen fai un chamamento á poboación para que merque en tendas locais. "Eu traballo sobre todo con pequeno comercio e deixouse de vender moito. Teño unha clientela moi fiel pero non me chega", laméntase. "É a gran dificultade en moitísimos pequenos comerciantes, sobre todo se levan anos indo moi xustiño, que xa non teñen colchón e pásano moi mal. Despois hai outros que aguantan porque non teñen alternativa".

Arjen calculaba que, unha vez anunciado o peche, nesta última semana se incrementasen os pedidos "un 20% máis de venda que unha semana normal, e estamos ao 50% máis que o normal e non dou abasto, estou a facelo todo só". Por iso esta semana está a ser especialmente dura. Este xoves será a última repartición na cidade de Pontevedra e arredores.

Con respecto ao futuro inmediato, o mestre panadeiro reivindica que "as novas normativas deberían ser moito máis amables co pequeno negocio que pecha e quéreo pechar polas boas" xa que, unha vez marcada no calendario a data de cesamento de actividade e acollido a un preconcurso, aínda lle agardan meses de xestións. "En tres ou catro meses espero ter todo liquidado, todo ben. Hai negocios que poden cesar a súa actividade e pechar, pero só se tes moito diñeiro, se non, para facer ben o peche necesitas deixar pasar uns meses".

A próxima semana péchase a produción pero "a empresa segue funcionando ata que estea todo liquidado, debemos empezar a buscar compradores para todo o que temos".

Arjen Jaarsma foi testemuña do peche de moitas tendas ás que fornecía, por iso bríndanos unha reflexión final: "non se pode pechar unha empresa en falso, hai moita dor, teño un amigo que se foi polas malas e dez anos despois segue con xuízos. Por iso é moi complicado o peche para as pequenas empresas, porque se pechas mal, dez anos despois estás hipotecado".