Arou, Bilii e Afortunada volven ao mar, xa sen feridas nin plásticos

O Salnés
03 de xullo 2024

Arou, Bilii e Afortunada son tres tartarugas mariñas que, desde este martes, volven estar no seu medio natural, o mar. Tiveron que superar un longo proceso de recuperación para curar feridas que presentaban e tamén para expulsar plásticos. Cemma organizou a liberación, na que participou o conselleiro do Mar

O conselleiro do Mar participa na liberación de tres tartarugas
O conselleiro do Mar participa na liberación de tres tartarugas / Xunta de Galicia

Arou, Bilii e Afortunada son tres tartarugas mariñas que, desde este martes, volven estar no seu medio natural, o mar. Para chegar ata ese punto, tiveron que superar un longo proceso de recuperación para curar feridas que presentaban e tamén para expulsar plásticos

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) organizou este martes a liberación, na que participou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a bordo da patrulleira de Gardacostas de Galicia 'Punta Roncadoira'.

A patrulleira partiu do porto de Vilaxoán ata mar aberto, onde estes tres animais foron devoltos ao mar. 

As tartarugas eran Arou, en referencia a praia onde foi recuperada; Bilii, atopada nun areal de Barreiros; e Afortunada, recollida por un mariñeiro de Malpica que foi quen escolleu o nome.

Os tres exemplares presentaban feridas que tiveron que ser atendidas nun centro de recuperación e estiveron durante 15 días expulsando plásticos, unha circunstancia que comparte o 95% dos individuos que son rescatados polo Cemma, e que reflicte o impacto negativo destes residuos  nos océanos e os seus ecosistemas. 

Durante o pasado ano rexistráronse nas costas galegas un total de 573 animais varados ou en risco de varar. Ademais, o Cemma destacou un incremento notable da cantidade de tartarugas que chegan ás costas de Galicia e que teñen que ser atendidas por diferentes problemáticas. 

No que vai de ano xa foron liberados cinco exemplares e outros cinco atópanse ingresados. Entre o 80 e 90% logran recuperarse, sendo liberadas posteriormente en mar aberto co obxectivo de evitar riscos e facilitar a súa entrada nas grandes correntes oceánicas nas que viven e se alimentan.