O novo Auditorio de Marín converteuse este sábado no escaparate da mellor arquitectura galega coa celebración da gala dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2025, organizada polas delegacións de Pontevedra, Ourense e Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
Preto de 300 persoas participaron nun evento que puxo en valor a capacidade da arquitectura para mellorar os espazos de vida e reforzar a identidade do territorio.
A cerimonia, conducida pola xornalista Alba Moledo e organizada en colaboración co Concello de Marín, reuniu representantes institucionais, profesionais do sector e premiados nun acto que tamén serviu para estrear culturalmente o novo auditorio marinense, apenas uns días despois da súa inauguración.
Os Premios Gran de Area recoñecen o traballo conxunto de todos os axentes implicados na creación dunha obra arquitectónica de calidade. Nesta edición foron distinguidos doce proxectos situados nas demarcacións de Pontevedra, Ourense e Vigo, con actuacións en localidades como Taboadela, Carballeda de Avia, Portonovo, Moraña, Vigo, Mondariz, Lalín, Bueu ou Oia.
Durante a gala, o presidente da Delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva, reivindicou a arquitectura como un "oficio coral" no que participan arquitectos, promotores, construtoras, artesáns e administracións.
"Cada un achega o seu gran de area", afirmou, ao tempo que destacou a diversidade das obras premiadas, desde rehabilitacións patrimoniais ata proxectos de vivenda, espazo público ou arquitectura sanitaria.
Villanueva tamén puxo o foco nos retos actuais da vivenda en Galicia, defendendo que o debate non debe centrarse só na cantidade de inmobles, senón tamén na calidade das decisións urbanísticas e arquitectónicas. "O dereito a habitar dignamente non se resolve con improvisación", advertiu.
Na mesma liña, o decano do COAG, Luciano Alfaya, salientou o compromiso da arquitectura galega cun modelo máis sostible e vencellado ao territorio, apostando polo uso de materiais de proximidade e polo fortalecemento do ecosistema industrial local.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, clausurou o acto agradecendo ao COAG a elección da vila como sede da gala e definindo o novo auditorio como un "novo fogar cultural" para o municipio. Ramallo destacou que os proxectos premiados representan "unha Galicia moderna, fermosa e identitaria".
O evento contou tamén coa presenza da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; así como de representantes académicos, culturais e profesionais vinculados á arquitectura e ao urbanismo galego.
A conselleira María Martínez Allegue destacou o papel da arquitectura na construción dunha Galicia máis sostible e cohesionada, salientando o valor social, cultural e territorial das obras premiadas e o seu compromiso coa recuperación do patrimonio, a vivenda e a revitalización do rural.
Como broche artístico, a gala incluíu dúas actuacións do Ballet de Galicia, compañía con sede en Marín dirixida por Diego Landín. O trío "Third Space", integrado por Daniela Gago, Victoria Oltra e Julieta Borré, foi especialmente recoñecido tras situarse recentemente entre os mellores do mundo na final do Youth Grand Prix celebrada en Houston, considerado o mundial da danza xuvenil.