Arquivada a denuncia do PP contra o alcalde de Barro polas obras da piscina municipal

Barro
20 de abril 2021

O Xulgado de primeira instancia e instrucción número 1 de Caldas de Reis ven de emitir un auto no que arquiva a denuncia do Partido Popular contra o alcalde de Barro e confirma que o expediente de execución da piscina municipal foi levado a cabo seguindo os trámites legalmente establecidos e sen que exista ningunha irregularidade na súa tramitación

Piscina municipal de Barro
Piscina municipal de Barro / Concello de Barro

O Xulgado de primeira instancia e instrucción número 1 de Caldas de Reis ven de emitir un auto no que arquiva a denuncia do Partido Popular contra o alcalde de Barro e confirma que o expediente de execución da piscina municipal foi levado a cabo seguindo os trámites legalmente establecidos e sen que exista ningunha irregularidade na súa tramitación.

Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, este auto ditado polo xuíz "supón unha satisfacción, pois corrobora que o proceso de licitación e execución da piscina municipal foi impecable".

A denuncia pública feita polo Partido Popular sobre irregularidades sobre a execución da piscina nas vésperas das eleccións municipais, segundo o alcalde, foi presentada na Fiscalía polo portavoz do PP despois das eleccións "debido á rabia e frustración polos resultados nos que o BNG acadou a maioría absoluta, empregando na denuncia probas falsas e un baile de cifras distorsionadas".

Fernández Abraldes afirmou que o PP fundamentou a súa denuncia, "baseándose nun suposto informe técnico que ao final eran meras opinións de quen non coñecía o proxecto nin a execución do mesmo, sendo incapaz de facer un cálculo correcto das porcentaxes do modificado realizado sobre o proxecto inicial".

Para Abraldes esta denuncia do portavoz do PP "é o epílogo de quen despois de gobernar durante 32 anos non aceptou pasar á oposición e que pensaba que o concello era da súa propiedade".