Nas últimas horas, o goberno local de Soutomaior completou con éxito a resolución dunha vertedura de residuos na rede de separativas de pluviais e fecais da Rúa Roxelio Landeiro, no cruce coa Rúa Fonte do Conde.
Esta actuación enmárcase no Plan Ría Viva, presentado polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, no pasado mes de xullo, co obxectivo de corrixir as deficiencias da "caótica rede de separativas municipal", segundo o alcalde Manu Lourenzo.
A rede de separativas de Soutomaior ten enfrontado innumerables problemas desde o momento da súa construción, que se agravaron ao longo das décadas por mor da falta de mantemento e unha correcta planificación.
A mestura de augas pluviais e fecais en varios puntos da rede resulta en verteduras contaminantes na Ría de Vigo e sobrecarga a estación de tratamento de efluentes de Arcade, especialmente en períodos de chuvias fortes.
Os traballos para corrixir a vertedura na Rúa Roxelio Landeiro enmárcanse na segunda fase do Plan Ría Viva.
Logo da conclusión das obras na primeira fase, que incluíu o tramo da Alameda de Talo Río ata Cagazó, a nova fase actuará nun segundo tramo, desde a Rúa Roxelio Landeiro ata Ponte Sampaio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, declarou que "a situación actual da rede de saneamento representa un dos principais desafíos para o concello de Soutomaior na próxima década".
Lourenzo destacou a urxencia de resolver os problemas crónicos de saneamento en Soutomaior, esixindo esforzos e contribucións de todas as administracións.
O Plan Ría Viva é a resposta posta en marcha polo Concello para tentar resolver os problemas que presenta o sistema da rede de saneamento.