Arranxadas as filtracións da cuberta do centro de saúde de Baltar

Sanxenxo
09 de marzo 2021

A actuación realizada no centro de saúde de Baltar incluira previamente a creación e habilitación de estancias para as pernotacións dos servizos de urxencias, a remodelación da zona da matrona, a reforma das salas de extracións e a ampliación de pediatría

Visita ao centro de saúde de Baltar do xerente da área sanitaria, o alcalde de Sanxenxo e o delegado territorial da Xunta
Visita ao centro de saúde de Baltar do xerente da área sanitaria, o alcalde de Sanxenxo e o delegado territorial da Xunta / Xunta de Galicia

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de rematar unha serie de obras no centro de saúde de Baltar, na localidade de Portonovo, co remate da impermeabilización da cuberta para corrixir as filtracións de auga na zona de acceso.

Con motivo desta actuación, realizada con recursos propios, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este punto médico xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez.

A actuación realizada no centro de saúde de Baltar incluira previamente a creación e habilitación de estancias para as pernotacións dos servizos de urxencias, a remodelación da zona da matrona, a reforma das salas de extracións e a ampliación de pediatría.

O representante autonómico sinalou que "todos estes traballos permiten que o centro de saúde de Baltar ofreza un servizo de primeiro nivel, sendo dos mellores de entre os 44 da área sanitaria".

Segundo engadiu Luis López, "ademais é algo que é necesario porque ten moitos usuarios, especialmente na época de verán", detallou o delegado territorial, que recolleu varias inquedanzas do alcalde sobre as posibilidades de "turismo seguro de cara a Semana Santa" e tamén as súas peticións sobre a dotación dunha ambulancia medicalizada na época estival e o reforzo da Policía Autonómica.