Arrestado por incumprir unha orde de afastamento xudicial

Pontevedra
25 de abril 2026

A intervención policial iniciouse tras o aviso dunha testemuña que se atopaba na vía pública e que alertou dunha posible infracción

Policia Local
Policia Local / Cristina Saiz

A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado mércores 22 de abril un home acusado de quebrantar unha orde de afastamento que lle prohibía aproximarse ao lugar de traballo dunha vítima, no marco das medidas de protección vixentes en aplicación do sistema VioXén.

Segundo informou o Concello de Pontevedra, a intervención policial iniciouse tras o aviso dunha testemuña que se atopaba na vía pública e que alertou dunha posible infracción.

Esta persoa indicou aos axentes que observara ao individuo nunha zona moi próxima ao posto de traballo da vítima, aínda que inicialmente non puido confirmar con certeza se se atopaba dentro da área prohibida pola resolución xudicial.

A testemuña facilitou aos axentes a localización exacta na que vira ao sospeitoso e a traxectoria que este realizou a pé, información que permitiu á patrulla desprazarse ao punto sinalado e iniciar as comprobacións.

Unha vez no lugar, os efectivos da Policía Local realizaron medicións para verificar o cumprimento da orde xudicial de afastamento.

Segundo o comunicado municipal, os axentes constataron que o home se atopaba a unha distancia inferior aos 200 metros establecidos como límite na resolución xudicial que regulaba a prohibición de aproximación.

Ante estes feitos, a Policía Local procedeu á detención do individuo por un presunto delito de quebrantamento dunha orde de afastamento.

Tras a súa detención, o home foi posto a disposición xudicial para a súa instrución.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora