Arte urbano para embelecer a cidade

Pontevedra
07 de xullo 2015

Rematar co feísmo na cidade. É un dos obxectivos que, a nivel estético, se marca o goberno municipal neste novo mandato. Así se incluíu nas liñas de traballo que o Concello presentará aos veciños dos diferentes barrios para consensuar con eles diferentes actuacións e proxectos durante os próximos anos para mellorar espazos públicos que, actualmente, se encontran degradados ou abandonados

Resultado do proxecto 'Vieiros de Luz' baixo a ponte de Eduardo Pondal Mónica Patxot

Rematar co feísmo na cidade. É un dos obxectivos que, a nivel estético, se marca o goberno municipal neste novo mandato. Así se incluíu nas liñas de traballo que o Concello presentará aos veciños dos diferentes barrios para consensuar con eles diferentes actuacións e proxectos durante os próximos anos para mellorar espazos públicos que, actualmente, se encontran degradados ou abandonados.

E para iso, unha das iniciativas que barallan os responsables municipais é realizar intervencións artísticas en murais, paredes ou edificios que non se encontran no mellor estado.

O Concello ten localizados xa diferentes "puntos negros" na cidade que se son susceptibles de integrarse nesta aposta estética e artística, pero o concelleiro Luis Bará insiste en que será unha cuestión que se someterá á opinión dos cidadáns nas reunións que se van ir celebrando nos próximos meses.

En todo caso, o edil nacionalista recorda que iniciativas similares "funcionaron con moito éxito" noutras cidades e mesmo se probou en Pontevedra con moi boa acollida, como a ponte da avenida de Vigo e en cuxo resultado final colaboraron os propios veciños do barrio de Campolongo.

Aínda que o proxecto se poida modificar tras a consulta aos veciños de cada barrio, a formulación inicial é que os pontevedreses "se impliquen nesta acción para que se sexan máis partícipes da vida cidade", reiterou o coordinador, xunto con Carmen Fouces e Alberto Oubiña, da política de participación cidadá que quere potenciar o BNG neste mandato.

Así, por exemplo, o goberno municipal aposta porque no ámbito dos colexios sexan os propios alumnos e membros da comunidade educativa os que participen nestas iniciativas artísticas e deixen o seu selo nelas.

Todo iso, reitera, para darlle "máis luz" a cantos escuros que se esconden en toda a cidade.