Amalia Bóveda explica por que non asistirá á inauguración de 'A derradeira leición do mestre'

Pontevedra
24 de xuño 2026
Actualizado: 22:39

Denuncia a negativa a institucionalizar o Día da Galiza Mártir e critica os pactos coa extrema dereita como incompatibles coa memoria que representa a obra de Castelao

Amalia Bóveda Álvarez e  Valentín García Bóveda.
Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda. / Mónica Patxot

Amalia Bóveda, filla do histórico dirixente galeguista Alexandre Bóveda, anunciou que non asistirá ao acto de inauguración da exposición da obra A derradeira leición do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que terá lugar no Museo de Pontevedra.

A través dun comunicado público, explicou que a súa decisión responde a motivos de "dignidade e coherencia cívica e política".

No texto, Bóveda quixo deixar constancia do seu agradecemento ao persoal e á dirección do Museo de Pontevedra polo trato recibido, e asegurou que visitará a mostra noutras ocasións xunto á súa familia.

Segundo indica, unha destas visitas terá lugar o vindeiro 17 de agosto, antes do acto institucional que se celebra anualmente na Caeira en lembranza de Alexandre Bóveda.

A filla do dirixente galeguista sinala tres razóns principais para xustificar a súa ausencia. En primeiro lugar, considera unha "incoherencia histórica" homenaxear unha obra que Castelao pintou en memoria de Alexandre Bóveda e das vítimas da represión franquista mentres, ao seu xuízo, se mantén unha posición contraria á institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir.

En segundo lugar, critica a falta de debate institucional arredor desta proposta, afirmando que desde 2014 os distintos gobernos da administración promotora evitaron levar a cuestión ao pleno para a súa discusión e eventual aprobación.

O terceiro motivo refírese aos acordos políticos con formacións de extrema dereita.

No comunicado, Amalia Bóveda cualifica de "intolerable" o que considera un proceso de "branqueamento político" destes partidos e sostén que resulta incompatible reivindicar a memoria democrática mentres se establecen pactos con forzas que, segundo a súa interpretación, representan postulados contrarios aos valores defendidos polas vítimas do franquismo.

"O galeguismo é por natureza e coherencia o contrario ao apoio na extrema dereita, sen ningún tipo de xustificación, máxime co ocorrido neste país. O anterior Presidente da Xunta xa compareceu ante o cadro cun descurso e unhas desculpas que, ao tenor do presente, foron mero tacticismo e faltaron á verdade. Agora o actual chámalle 'sentidiño' á carencia do mesmo, inventando o 'fascismo de esquerdas' diante nosa pra poder situarse nunha falsa equidistancia", sostén Amalia Bóveda.  

Entre as súas declaracións, asegura que "non se pode estar coa Memoria obrando en contra dos Dereitos Humanos" e reclama unha maior coherencia entre os discursos institucionais e a práctica política.

Tamén afirma que o legado de Alexandre Bóveda, de Castelao e do galeguismo represaliado "non son mercadoría electoral nin un decorado para o cinismo político".

A pesar da súa ausencia no acto inaugural, Amalia Bóveda subliña que a decisión non altera a súa disposición a colaborar na construción de políticas públicas de memoria democrática.

Pola contra, manifesta a esperanza de que a súa postura contribúa a promover unha reflexión sobre o tratamento institucional da memoria histórica en Galicia.

"A memoria maila leición de meu pai e de Castelao, xunto co legado do galeguismo exiliado e asasinado non son mercadoría electoral nin un decorado para o cinismo político. Non podo acompañar a quen, cos seus votos, actos e  pactos diarios, nega a realidade histórica e institucional do que ese cadro representa. Esiximos coherencia: non se pode soster o pincel do mestre coa man esquerda mentres coa dereita se borra e apaga a nosa memoria e os Dereitos Humanos", declara Amalia Bóveda. 

O comunicado conclúe reafirmando o compromiso da familia Bóveda coa "verdade, a xustiza e a reparación", ao tempo que reclama medidas públicas destinadas a dignificar a memoria das persoas que defenderon a democracia e Galicia durante a Segunda República e sufriron posteriormente a represión franquista.