Así poderá verse 'A derradeira leición do mestre', de Castelao, no Museo

Pontevedra
22 de xuño 2026

O cadro que amosa o asasinato de Alexandre Bóveda figura nunha sala cun ambiente intimista para destacar a simboloxía da peza avaliada polo seguro en 330.000 euros. Poderá visitarse a partir deste xoves 25

'A derradeira leición do mestre' de Castelao na sala do Museo de Pontevedra
'A derradeira leición do mestre' de Castelao na sala do Museo de Pontevedra / Cristina Saiz

Nunha sala sobria, con luz ténue, sen case outras pezas arredor, xa resplandece o cadro máis solemne e cargado de simbolismo do patrimonio cultural e político galego: A derradeira leición do mestre, o óleo que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pintou en Bos Aires en 1945 recollendo o asasinato do seu amigo Alexandre Bóveda polos fascistas.

O Museo de Pontevedra presentou este luns aos medios de comunicación o espazo que acollerá, a partir do vindeiro xoves 25 de xuño, esta obra que recibirá visitas ata o 27 de setembro.

A exposición da peza foi concibida desde un absoluto rigor histórico, despoxando o espazo de artificios para situar o lenzo no centro da sala dándolle unha dimensión espectacular.

A obra, que pertence á colección do Centro Galicia da capital arxentina desde 1979, regresa temporalmente nunha operación que requiriu máis de dous anos de intensas xestións e que coincide coa conmemoración do 90 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, do inicio da Guerra Civil e do asasinato de Bóveda.

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, debullou a fonda carga histórica que acompaña a creación do cadro, situando a súa xénese entre os anos 1944 e 1945, unha época na que Castelao acadou a súa "maior proxección política" entre a cidadanía galega do exterior.

O óleo adéntrase, segundo Tilve, na densa rede asociativa da emigración e o exilio en Bos Aires, un grupo de galeguistas de sólida posición económica que fixo posible a actividade cultural daquela "quinta provincia".

"O protagonista indiscutible é o cadro de A derradeira leición do mestre. E por iso está destacado e practicamente só na sala. Simplemente metemos algúns elementos que lle dan contexto, porque esta peza hai que entendela no contexto da emigración e do exilio de Bos Aires", explicou a directora.

O cadro é unha translación a gran formato da estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos álbums de guerra editados polo rianxeiro en Valencia no ano 1937. Aínda que as 31 estampas que conforman os seus tres volumes bélicos adoitan amosar figuras arquetípicas da represión, este caso supón unha excepción histórica. Nela reprodúcese o cadáver de Bóveda, "paseado" ante a mirada de dous nenos que encarnan o futuro e a pervivencia dos ideais.

O rostro da figura política nacionalista, falecido no chan, ten trazos perfectamente definidos. "A morte de Bóveda para el foi moi traumática", subliñou Ángeles Tilve.

Recordou que Castelao quixo co cadro "recuperar o carácter de símbolo da represión contra o galeguismo e contra a democracia".

Segundo precisou a directora, a obra ten unha dobre lectura: fóra de Galicia puido lerse como unha denuncia da durísima represión sufrida polos mestres republicanos, pero no ámbito galeguista a mensaxe era directa. "Efectivamente, el fai esa imaxe xa como reivindicación da figura de Bóveda, ao que identifica como mártir do galeguismo", apuntou.

A idea de transformar a estampa nun óleo sobre lenzo naceu en 1944 da man de Rodolfo Prada, un dos reitores do Centro Ourenrán, entidade que nese mesmo ano editou o fundamental ensaio Sempre en Galiza, e posterior albacea de Castelao e da súa esposa, Virxinia Pereira.

Debuxo e cadro de Castelao sobre o asasinato de Alexandre Bóveda
Debuxo e cadro de Castelao sobre o asasinato de Alexandre BóvedaCristina Saiz

O cadro foi concibido para flanquear o busto de Castelao, realizado por Domingo Maza, fundido en bronce, nun acto celebrado o 17 de agosto de 1945 polo Día dos Mártires Galegos, coincidindo co fin da Segunda Guerra Mundial e a derrota dos fascismos europeos, un intre no que a esquerda exiliada percibía un horizonte de esperanza democrática.

Esta imaxe arredor do busto está presente na sala, ao igual que a exhibición de pezas documentais únicas, como un exemplar do xornal A Nosa Terra cedido pola Real Academia Galega e o poemario de Hernán Poza de 1948 con versos dedicados á memoria de Alexandre Bóveda.

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsable político do Museo, agradeceu os equipos técnicos, á Deputación e, de xeito moi especial, ao Centro Galicia de Bos Aires e ao seu presidente, José María Vila Alén, por permitir que os cidadáns "non teñamos que cruzar o océano para poder desfrutar deste cadro".

Domínguez revelou que o orzamento total do traslado situouse "en torno a 50.000 euros", detallando que o goberno provincial optou de xeito consciente pola opción de transporte máis especializada para garantir a integridade absoluta da peza.

"Eu teño que dicir que o día que o cadro viaxou, eu pasei moitísimo medo por se houbese algún golpe, algunha cousa, porque é unha responsabilidade. Afortunadamente chegou ben e en moi bo estado", confesou o vicepresidente.

Respecto á cobertura económica do lenzo, Domínguez indicou que a valoración da póliza de seguro se sitúa nos "330.000 euros", se ben tanto el como a directora coincidiron en que calquera cifra económica resulta cativa ante a dimensión espiritual do cadro. "O valor dunha obra como esta, co valor simbólico que ten, excede con moito calquera obra de mercado de Castelao", sentenciou Tilve Jar.

'A derradeira leición do mestre' de Castelao na sala do Museo de Pontevedra
Ángeles Tilve e Rafa Domínguez xunto ao cadro 'A derradeira leición do mestre' de CastelaoCristina Saiz

CHAMAMENTO Á CONCORDIA

O vicepresidente provincial fixo fincapé en que a obra plasma unha época de "separatismo, enfrontamento civil e confrontación" derivada dunha contenda terrible, e advertiu sobre os riscos de esquecer as leccións do pasado nun momento de crispación social.

"Podemos ver e intuír paralelismos neste momento. Polo tanto, eu creo que é un momento para falar, e tendo a figura de Castelao e tendo a esta figura, para falar de concordia. É un momento para falar de unión, é un momento para falar de todo aquilo que nos une e non todo aquilo que nos separa", manifestou o responsable político.

Rexeitou tamén as críticas sobre as disputas de pertenza do lenzo defendendo que "o cadro é de todos" e que "Castelao é a figura de todos", abordable desde calquera ideoloxía. "Se serve como aviso para evitar certas cousas, certas actitudes que estamos vendo, pois benvida sexa", concluíu.

PROGRAMACIÓN

O interese espertado pola exposición traspasou fronteiras, rexistrándose xa numerosas peticións de información e solicitudes de entrevistas desde o outro lado do Atlántico.

A propia configuración física do espazo que alberga a peza obrigará a establecer un control estrito de acceso. Ángeles Tilve confirmou que a sala terá un aforo máximo de 25 persoas para garantir que o público poida contemplar o cadro de xeito cómodo e tranquilo.

Aínda que os visitantes deberán agardar quenda debido a este límite, o acceso será totalmente libre. Co obxectivo de profundar no seu legado, a vindeira semana darán comezo as visitas guiadas, programadas para os mércores e xoves ás 18:00 horas e os sábados ás 12:00 horas.

Amais, a entrada do Edificio Castelao vestirase para a ocasión cunha alfombra floral realizada pola Asociación Cunchas e Flores de Bueu, que exhibirá iconografía vencellada ao Estatuto do 36 e ao propio cadro.

A oferta cultural arredor deste regreso complétase co Seminario sobre Arte, Exilio e Memoria que se desenvolve entre este luns e martes; e un concerto da Coral Polifónica de Pontevedra o sábado 27 de xuño ás 19:00 horas.