O Museo de Pontevedra ultima o espazo para recibir 'A derradeira leición do mestre', a obra cume de Castelao

Pontevedra
28 de maio 2026

O Edificio Castelao acollerá do 25 de xuño ao 27 de setembro a obra procedente de Bos Aires, no marco dunha mostra temporal de alto contido simbólico e cunha programación cultural vinculada

Luis López, Ángeles Tilve e Rafa Domínguez na sala onde se exhibirá a obra de Castelao
Luis López, Ángeles Tilve e Rafa Domínguez na sala onde se exhibirá a obra de Castelao / PontevedraViva

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra traballa nos últimos preparativos para acoller unha das fitas expositivas máis relevantes da súa historia recente: a exhibición do óleo A derradeira leición do mestre, a obra pictórica máis emblemática de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O lenzo, que pertence á colección do Centro Galicia de Bos Aires desde 1979, viaxará desde Arxentina para ser o eixe central dunha mostra temporal que se inaugurará o vindeiro 25 de xuño e que permanecerá aberta ao público ata o 27 de setembro.

A presentación do espazo que albergará o cadro tivo lugar na mesma sala onde actualmente se realizan os traballos de preparación da montaxe.

O proxecto estrutúrase arredor desta peza única, executada por Castelao en 1945 para o Centro Ourensán da capital arxentina co gallo do noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda. A pintura adquire así unha tripla dimensión de homenaxe persoal, documento político e denuncia da violencia.

A dirección do Museo deseñou un espazo específico que busca propiciar a concentración e o recollemento do visitante. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, explicou as características dunha proposta que fuxirá da saturación de elementos nas paredes:

"Cada peza foi escollida con coidado para que o visitante poida achegarse ao cadro e afondar en cando se pintou, con que motivo e, sobre todo, por que o fixo. Esta exposición vai ser pequena en dimensións, pero de enorme simbolismo. Non quixemos encher a sala de elementos de recheo", explicou Tilve Jar.

O óleo ocupará o centro xeométrico da estancia e estará acompañado de forma exclusiva por pezas documentais de excepción procedentes dos fondos do propio Museo: o debuxo orixinal da estampa número 6 do álbum Galicia Mártir, a primeira edición de dita serie impresa en Valencia en 1937 e un manuscrito incluído en Sempre en Galiza.

Xunto a estes documentos, exhibirase unha fotografía histórica de 1945, propiedade do Centro Galicia de Bos Aires, que retrata o momento no que se presentou o cadro en Arxentina xunto a un busto de Bóveda realizado por Domingo Maza, nun acto que contou coa presenza de Castelao e de destacados membros do galeguismo no exilio.

TRASLADO

A loxística para o traslado do lenzo, debido ás súas grandes dimensións, require un operativo especial coordinado entre varias escalas internacionais.

Segundo detallou a dirección do centro, o cadro sairá de Bos Aires o vindeiro 8 de xuño nun avión de carga con destino a Alemaña, ao non ser viable o seu transporte nunha aeronave comercial convencional. Desde Alemaña voará cara a Madrid, desde onde se trasladará por estrada ata Pontevedra, cunha data de chegada prevista ao Museo para o 17 de xuño.

Unha vez no edificio, a obra permanecerá embalada e pechada na sala durante un mínimo de vinte e catro horas para garantir a súa correcta aclimatación ás condicións texturais e térmicas do espazo.

O desempaquetado e o control do estado de conservación realizaranse baixo a estrita supervisión do persoal técnico do Museo de Pontevedra e dunha persoa comisionada especificamente polo Centro Galicia de Bos Aires, que viaxará a Galicia para inspeccionar que non sufra ningún tipo de deterioración ou alteración no marco ou no lenzo.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou que viaxará a Arxentina para estar presente na saída da obra:

"O 8 de xuño o cadro sae do Centro Galicia, e vou estar alí como parte da responsabilidade e para reforzar o que é importante, que é unir lazos entre a migración galega e a Deputación de Pontevedra. O 17 de xuño chegará ao Museo de Pontevedra e estará exposto do 25 de xuño ao 27 de setembro. E volverá despois aos seus lexítimos donos, que é o que ten que ser", explicou o vicepresidente provincial.

Domínguez sinalou que este acordo é o froito de dous anos de xestións co presidente do Centro Galicia, de cara a ofrecer aos cidadáns a posibilidade de contemplar a peza na cidade onde Castelao desenvolveu gran parte da súa traxectoria:

"Cando pintou este cadro en 1945 fíxoo sabendo que probablemente nunca volvería a Galicia, e cinco anos despois morreu sen voltar. Pero esta obra magna si que vai poder voltar a Galicia. A intención era que o Museo tivese a súa obra máis importante polo seu significado histórico e artístico, e para dar a ocasión a todas as persoas de que poidan sentir a mesma emoción que tiven eu alí en Bos Aires", engadía.

Luis López, Rafa Domínguez e Ángeles Tilve
Luis López, Rafa Domínguez e Ángeles TilvePontevedraViva

CONMEMORACIÓNS

A estancia do cadro en Pontevedra coincidirá coas conmemoracións do 90 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, do que Bóveda foi un dos principais impulsores, e co Día da Galiza Mártir, que se celebra o 16 de agosto.

Arredor destes fitos, a Deputación programou unha serie de actividades paralelas que inclúen visitas guiadas, un seminario específico sobre arte, exilio e memoria histórica para contextualizar o impacto da diáspora, e un concerto especial da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra fixado para o 27 de xuño, formación musical que tivo entre os seus fundadores e promotores ao propio Castelao e a Alexandre Bóveda.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, incidiu en que a viaxe da obra supón o cumprimento dunha "débeda histórica" co autor e coa propia institución museística:

"Detrás deste 17 de xuño hai horas e horas de conversas cos nosos irmáns arxentinos, unha viaxe á outra beira do Atlántico para asinar o acordo e o traballo do Museo de Pontevedra para que esta obra magna veña a onde ten que vir, á casa. O Museo é o depositario da gran obra do mestre e o custodio do debuxo orixinal. É xusto agradecer ao Centro Galicia por entender a trascendencia dunha obra que forma parte do ADN de todos os galegos", manifestaba o presidente provincial.

López quixo destacar de forma pública o papel do vicepresidente na xestión do convenio coas entidades arxentinas: "O vicepresidente Rafa Domínguez é o artífice de que veña o cadro ao Museo. Sen o seu empeño este fito non sería unha realidade; moitos quixeron conseguilo, pero só el foi quen de logralo, e estou orgullosísimo del."

OBRAS NO EDIFICIO CASTELAO

A dirección do Museo confirmou, por outra banda, que unha vez que finalice a programación estival coa clausura da exposición de A derradeira leición do mestre e da mostra do pintor Xosé Freixanes a finais de setembro, as salas da planta baixa do Edificio Castelao pecharanse ao público.

O obxectivo é iniciar no último trimestre do ano unhas necesarias obras de reforma e acondicionamento estrutural, debido ao estado de deterioración que presentan os espazos, prevendo a súa reapertura para os primeiros meses de 2027 coas instalacións totalmente renovadas.