A Deputación de Pontevedra xestionará directamente en Arxentina un acordo de cesión temporal do cadro de Castelao A derradeira lección do Mestre para que poida exhibirse no Museo de Pontevedra.
A cesión, xa anunciada pola Deputación, vaise concretar durante unha viaxe institucional do goberno provincial a Arxentina e Uruguai que se iniciará este sábado 22 de novembro e rematará o día 27.
A cesión temporal da pintura de Castelao buscará completar a maior colección artística do intelectual de Rianxo que custodia o Museo de Pontevedra con motivo da conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento.
As conversas co Centro Galicia de Buenos Aires, titular desta emblemática obra de arte da que o Museo provincial garda o debuxo orixinal, están moi avanzadas e só queda asinar o contrato de cesión que xa se pactou hai un mes coa visita do seu presidente, José María Vila Alén, a Pontevedra.
O presidente da Deputación, Luis López, encabezará a delegación pontevedresa, na que tamén estarán o vicepresidente e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez; o deputado de Cultura, Jorge Cubela; e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.
Con esta viaxe tamén se buscará estreitar os lazos coa comunidade galega residente en Bos Aires e en Montevideo, onde ten previstos encontros con representantes de distintos colectivos culturais e sociais de galegos emigrados desde distintos concellos da provincia.
Tamén realizarán visitas oficiais a espazos e edificios emblemáticos de Bos Aires e Uruguai. A primeira delas terá lugar o domingo 23 no Centro Cultural del Partido de A Estrada e terá continuidade o luns cunha recepción no Centro Lalín, Agolada e Silleda..
Ao día seguinte, xa en Montevideo, está prevista unha reunión co presidente da Club de Ejecutivos del Uruguay, José Costa, unha entidade irmandada co Círculo de Empresarios de Vigo e unha homenaxe no Centro Pontevedrés de Montevideo.
Están previstas en Bos Aires outras visitas institucionais ao Centro Gallego de Bos Aires, á sede do Centro Galicia, ao Campo Galicia e ao Museo da Emigración Galega na Arxentina. En Montevideo visitarán a entidade empresarial uruguaia e o Centro Galego de Montevideo.