Artesanía e solidariedade con Valencia na romaría de San Martiño de Penalba

Campo Lameiro
08 de novembro 2024

As persoas que queiran achegar axuda humanitaria para as vítimas da dana de Valencia terán un espazo para depositar alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene persoal ou desinfectantes

Mercado artesanal de San Martiño de Penalba
Mercado artesanal de San Martiño de Penalba / Concello de Campo Lameiro

Ata corenta postos de exposición confirmaron a súa presenza na quinta edición da Romaría Mercado Artesanal de San Martiño de Penalba, que terá lugar este domingo 10 de novembro.

O evento, organizado polo cura párroco Fermín Santiago Iglesias e a Asociación Interparroquial de Campo Lameiro, terá ademais un carácter solidario especial coas vítimas da dana de Valencia.

A xornada contempla unha parte dedicada á súa vertente relixiosa con dúas misas, unha rezada, ás 10:00 e outra cantada ás 12:00 horas na capela de San Antonio de Penalba.

O mercado artesanal, que abrirá ao público ás dez da mañá, estará baixo unha carpa xigante instalada na explanada da área recreativa de San Antonio de Penalba.

As persoas que queiran achegar axuda humanitaria para as vítimas da dana de Valencia terán un espazo para depositar alimentos non perecedeiros, produtos de hixiene persoal ou desinfectantes, que serán enviados aos afectados.

Haberá ademais postos de comida habilitados pola organización, con polbo á feira, churrasco, carne ao caldeiro e os callos facilitados pola coñecido e afamado Bar Timonel.

Para amenizar a xornada, haberá diferentes actuacións musicais, entre elas a do grupo de música tradicional Nós Tamén Imos, da Insua (Ponte Caldelas) que estarán tocando desde as 11 horas.

Na sesión vermú, o protagonismo correrá a cargo da Banda de Gaitas Os Xeitosos da Insua. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, actuarán a Charanga Fanfarria Furruxa e Marietta.