O edificio Multiusos de Arcade (Soutomaior) acollerá este sábado 24 de febreiro a partir das 10:00 horas a segunda edición do Obradoiro de artesáns da pesca, un "espectacular evento" no que participarán figuras da artesanía e montaxe de artigos para a pesca deportiva.
Neste sentido, estarán renombrados artesáns galegos de prestixio nacional e internacional, como son o caso de Miguel Piñeiro, Fernando Comba, Alberto Mera, Joaquín López Quintás, Suso Vilar, Santi Nitas, Eloi Saavedra, Paco Porto e Antonio Vilariño e outros montadores en pleno auxe como son Jaime Omar, Juan Vázquez Platas, José Luis Maceira 'Maki', Miguel Ángel Montoto e José Torres.
Todos eles deleitarán ás persoas asistentes cos seus traballos, como poden ser moscas afogadas, ninfas, secas de salmón, strimers, canas de bambú ou peces artificiais.
Ademais, ao mediodía, contaremos coa presenza de Ramsés Pérez, coordinador dos programas de educación Ambiental de Adega e Proxecto Ríos, quen departirá unha charla coloquio aos presentes acerca dos macroinvertebrados nos ríos. Será aberta ao público para tentar interactuar e resolver as dúbidas acerca da salubridade dos nosos ríos e especies.
Para finalizar a xornada haberá unha comida de fraternidade, á que é necesario anotarse con anterioridade, e un sorteo de agasallos, algúns moi importantes, doados polos organizadores e patrocinadores. Está previsto que o acto remate ás 20:00 horas.