As "ameazas" á concelleira Carme da Silva chegan ao Parlamento de Galicia nunha pregunta sobre o futuro de Ence

Pontevedra
30 de abril 2019

Luís Bará, deputado do BNG, acusaba este martes en sede parlamentaria á Xunta de Galicia de conivencia con Ence e o seu "sindicato amigo", referíndose a Comisións Obreiras, por facer unha actividade "mafiosa" contra a concelleira nacionalista. A conselleira de Medio Ambiente defendeu a legalidade da pasteira

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante o debate sobre Ence
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante o debate sobre Ence / Parlamento de Galicia

O deputado do BNG, Luís Bará, pedía este martes no Parlamento de Galicia á Xunta unha condena aos ataques e ameazas contra a concelleira nacionalista Carme da Silva na fachada do seu domicilio. Bará manifestou que son "prácticas mafiosas" coa pintada de dianas diante da súa porta e relacionaba estes feitos coa campaña emprendida por Ence para manter a súa continuidade na ría. "Non nos van amedrentar", apuntou Bará que criticou os cambios do Partido Popular respecto á ubicación da empresa de celulosas durante os últimos anos, cualificando os populares de "vendidos e vendidas".

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, respondía que como muller " a min non me vende nin me compra ninguén" para, a continuación, explicar que a Xunta de Galicia está do lado da legalidade e sinalaba que agora mesmo Ence cumpre cos parámetros ambientais que marca a lei. Refiriuse tamén a que en 2008, o bipartito que gobernaba na Xunta, co PSOE e o BNG, tamén avalou o cumprimento destas condicións medio ambientais por parte da factoría. Sinalou que nos últimos anos se realizaron por parte da Xunta tres auditorías ambientais na fábrica para comprobar que cumpría con toda a normativa e que este mesmo ano está prevista a realización doutra.

Na quenda de réplica, Luís Bará indicou á conselleira que parecía a xefa de prensa da empresa pasteira e inviouna a entrar no consello de administración de Ence como xa fixera algún antecesor no cargo, en referencia a Carlos del Álamo. Finalmente, reiterou a súa petición de condena da "campaña mafiosa" contra Carme da Silva e concluíu cun "Ence pode ter moita pasta pero Pontevedra non paga e non vota a traidores".

Por último, a conselleira interviña para criticar a acción "pola porta de atrás" por parte do goberno central de Pedro Sánchez ao aceptar a causa sobre a prórroga de Ence e alegou que, desde a Xunta, "nin enganamos a Ence nin á cidadanía en xeral".

Ángeles Vázquez rematou o debate acusando o goberno local de Pontevedra de impedir a ampliación da depuradora de Lourizán que, ao seu entender, permitiría mellorar a calidade das augas da ría.

O debate pode verse nesta ligazón do Parlamento de Galicia.

Arquivado en