As asociacións Xoán XXIII e Boa Vida celebrarán o Día do Libro

Pontevedra
22 de abril 2021

Este venres 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro e entre as numerosas entidades e colectivos que organizan actividades con tal ocasión atópanse a Fundación Xoán XXIII e a Asociación Boa Vida

Quiosco de Juan XXIII no Hospital Provincial onde se recollen libros doados
Quiosco de Juan XXIII no Hospital Provincial onde se recollen libros doados

Este venres 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro e entre as numerosas entidades e colectivos que organizan actividades con tal ocasión atópanse a Fundación Xoán XXIII e a Asociación Boa Vida. 

Os primeiros instalarán un posto de libros de segunda man na rúa, diante do quiosco do Hospital Provincial, en horario de 10:00 a 20:00 horas. Teñen uns 3.000 libros que lles doaron e que agora venderán a baixo prezo, entre un e sete euros.

A intención é dobre, porque ademais de darlle unha segunda oportunidade a estes exemplares tamén queren salvar a actividade dos quioscos que xestionan cos postos de traballo que xeran. 

A Fundación Xoán XXIII ten en marcha unha campaña de doazón e venda de libros de segunda man cuxos beneficios se destinan ao mantemento do emprego destes quiosqueiros.

Pola súa banda a Asociación Boa Vida regalará 400 libros. Esta entidade pontevedresa está dedicada á recollida de produtos que xa non se necesitan e facilita emprego, formación e orientación a persoas en situación de exclusión social. Nos seus almacéns conta cun importante volume de libros que poñerá ao dispor daqueles amantes da lectura que desexen ir buscar o seu exemplar de agasallo.

Durante todo o día, en horario comercial, poderán recollerse libros no local número 3 da rúa da Seca.