Ata 334 consultas atendeu o Centro de Información á Muller de Sanxenxo no primeiros once meses do ano, un 24% máis que no mesmo período de 2019.
Así o destacou o goberno municipal, que revela que as atencións psicolóxicas (198), o asesoramento xurídico (116) e a atención a vítimas de violencia de xénero (198) foron as consultas máis numerosas.
Desde o CIM, que está situado en Portonovo, aténdese actualmente, non só a vítimas de violencia de xénero do municipio, senón tamén procedentes doutros puntos da comarca como Meaño, Cambados, Vilagarcía, O Grove, Meis e mesmo de Ourense, Barcelona ou Madrid.
Nestes momentos reciben atención personalizada 64 mulleres, fronte ás seis do primeiro trimestre do ano.
A actividade no departamento de Servizos Sociais tamén aumentou considerablemente coa pandemia, segundo sinala o Concello de Sanxenxo.
O programa de Emerxencia Social, no que se inclúen as axudas ao pago de recibos de auga e luz, así como os alugueiros, medicinas ou cotas de comedores escolares, entre outros, atende na actualidade a 92 familias con 124 adultos e 60 menores fronte ás 33 familias de marzo.
Desde este departamento tamén se realizan as tramitacións necesarias de axudas a outras administracións e proporciónase información sobre o tipo de prestacións ás que poden optar as familias cunha delicada situación económica.