As augas captadas nos pozos Daniela I e Daniela II obteñen a condición termal

Ponte Caldelas
15 de marzo 2023

O Concello de Ponte Caldelas recibiu este mércores a resolución do Servizo de Enerxía e Minas, documento que permite avanzar no proxecto de estación termal, segundo o goberno local

Pozo de auga termal en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Este mércores chegaba a resolución do Servizo de Enerxía e Minas ao Concello de Ponte Caldelas en que se declara a condición termal das augas captadas nos pozos denominados Daniela I e Daniela II, situadas na leira do Balneario, que é de propiedade municipal.

O goberno local sinala que durante dous anos realizáronse os trámites para obter esta distinción, que permite seguir avanzando no proxecto da Estación Termal de Ponte Caldelas.

A Sección de Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra levantaba acta en marzo de 2022 da medición das temperaturas das augas destes dous pozos. Realizáronse tres medicións cunha marxe de dúas horas entre si co resultado de 31,7, 32 e 32,2 graos no pozo Daniela I. No Daniela II ofreceu os resultados 34, 34 e 34,1 graos.

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, indica que nos próximos meses realizarase a demolición da actual estrutura de formigón para poñer en marcha o proxecto da Estación Termal. Tras encher os terreos levantarase un edificio sostible e adaptado á contorna do río Verdugo.