As aulas do Conservatorio Manuel Quiroga seguen sen ventilación

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

A pesar de que hai dous meses que o Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa do BNG para que a Consellaría de educación solucionase os problemas de ventilación do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, a comunidade educativa atópase en plena terceira onda da pandemia en aulas sen ventilación

Entrada do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra
Entrada do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra / Conservatorio de Música Manuel Quiroga

A pesar de que hai dous meses que o Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa do BNG para que a Consellaría de educación solucionase os problemas de ventilación do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, a comunidade educativa atópase en plena terceira onda da pandemia en aulas sen ventilación.

O BNG levou esta situación ao Parlamento o pasado 27 de novembro e acadou o acordo unánime para que a Consellaría de Educación proceda de xeito urxente ao "cambio de todas as fiestras do edificio para permitir a correcta ventilación do mesmo".

Sen embargo a Xefatura Provincial de Pontevedra, dous meses despois, continúa sen cumprir o acordo do Parlamento obrigando a alumnado e profesorado do conservatorio a permaneceren nas aulas expostos a un elevado risco de contaxio.

A este respecto, o deputado e portavoz de Educación do BNG Manuel Lourenzo sinalou que "ao tempo que vemos como noutras Xefaturas Territorias si se atendeu a demanda do BNG para resolver problemas idénticos, mesmo con acordos parlamentares a Xunta mantén a comunidade educativa do CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra exposta ao contaxio por Covid-19 en plena terceira onda posteriores; en Pontevedra, o señor Perez Ares só apareceu para sacar a foto".

"Non é de recibo que en plena terceira onda teñamos a un Xefe territorial adicado en tempo completo á propaganda e incapaz de xestionar nin sequera os acordos unánimes do Parlamento de Galiza. Agardamos que non teñamos que lamentar contaxios por esta causa no conservatorio, porque de ser así dende a Xefatura Territorial de Pontevedra terán que asumir as súas responsabilidades", conclúe Manuel Lourenzo.