As aulas móbiles do instituto Valle Inclán instalaranse a partir do 12 de outubro e os baños da primeira planta estarán listos o luns

Pontevedra
06 de setembro 2023

Unha das principais preocupacións da Anpa son os baños da planta baixa, que están en obras. Aseguráronlles que estarán listos para o inicio do curso. "Se se cumpre o que dixeron, temos que darnos por satisfeitos, polo menos vai a haber un inicio do curso normal coa docencia, que era o que se pretendía", sinalan    

Modelo de aulas móbiles
Modelo de aulas móbiles / Xunta de Galicia

As aulas móbiles nas que o alumnado do instituto Valle Inclán de Pontevedra dará clase durante as obras de reforma do centro empezarán a funcionar a partir do día 12 de outubro.

Así o trasladou a Consellería de Educación este martes á comunidade educativa do centro durante unha reunión da comisión de seguimento da primeira fase das obras do instituto. 

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra, César Pérez Ares, presentou o modelo destas aulas móbiles, nas que dará clase o alumnado de Bacharelato. O estudantado iniciará as clases dentro do centro e trasladaranse a estes módulos en función do avance das obras.

As aulas móbiles están pendentes do permiso de ocupación de vía pública, que xa se está a tramitar. A previsión é comezar a montalas o día 25 de setembro, despois da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. ​

Os módulos instalaranse na avenida de Montero Ríos, diante do instituto. Alí estudará ao alumnado de bacharelato mentres que os 16 grupos de ESO manteranse no edificio do instituto durante as obras.

Na reunión estiveron presentes membros do equipo directivo e da asociación de nais e pais (Anpa), ademais de técnicos, inspección educativa e representantes da empresa responsables das obras.

Ao remate da reunión, o presidente da Anpa, Rubén Saavedra, explicou que, antes da posta en funcionamento, realizarase un simulacro de evacuación e tamén se presentarán as aulas á comunidade educativa e manterán unha nova reunión da comisión de seguimento.

Desde a Anpa sinalaron que a reunión foi satisfactoria "dentro do malo" e agora quedan expectantes a ver se todo sae sobre a marcha o vindeiro luns, 11 de setembro, cando comece o curso escolar.

Unha das súas principais preocupacións son os baños da planta baixa, que están en obras. Durante a reunión, aseguráronlles que estarán listos para o luns. "Agora veremos como nos encontramos o centro o luns, pero si se cumpre o que dixeron, temos quee darnos por satisfeitos, polo menos vai a haber un inicio do curso normal coa docencia, que era o que se pretendía", sinalou Rubén Saavedra.