As autoridades dan por "desactivada" unha vía de entrada de cocaína nas Rías Baixas a través de Portugal

O Salnés
22 de xaneiro 2019

A detención de oito persoas pola súa relación cun alixo de 430 quilos de cocaína incautado a pasada fin de semana supuxo un novo éxito na loita policial contra o narcotráfico. A droga hegaba de Sudamérica a través do porto portugués de Leixões e, posteriormente, era trasladada por estrada ata Galicia

Operación "Falla" contra a entrada de cocaína desde Portugal Agencia Tributaria

A detención de oito persoas pola súa relación cun alixo de 430 quilos de cocaína incautado en Galicia a pasada fin de semana supuxo un novo éxito na loita policial contra o narcotráfico. Tanto que as autoridades consideran que esta operación permitiu "desactivar" unha importante vía de entrada de cocaína nas Rías Baixas a través de Portugal.

Segundo informou a Axencia Tributaria, os oito detidos, todos eles de nacionalidade española, ecuatoriana e colombiana, ingresaron en prisión comunicada e sen fianza.

A operación, denominada "Falla" e desenvolta de maneira conxunta pola Axencia Tributaria, a Policía Nacional, a Policía Judiciaria de Portugal e a Policía Nacional do Ecuador, permitiu abortar a entrada de cocaína por esta vía. Chegaba de Sudamérica a través do porto portugués de Leixões e, posteriormente, era trasladada por estrada ata Galicia.

Ademais dos detidos, os axentes realizaron diferentes rexistros en Madrid e nas localidades galegas de Vilagarcía de Arousa e San Cibrao das Viñas.

OCULTA EN BANANAS

A investigación comezou en abril do pasado ano cando a Policía Nacional detectou a celebración de diversas reunións en Ourense entre un industrial da froita, un coñecido narcotraficante de Vilagarcía de Arousa e o representante dunha oficina colombiana asentada en Madrid e que pretendía abrir unha vía de entrada a través dalgún dos portos galegos.

Neses encontros iniciaron os trámites legais para que a droga puidese chegar a España oculta nunha mercadoría legal de bananas que adquirira outro dos implicados.

Esa mercadoría procedente de Guayaquil (Ecuador), xa vixiada polas autoridades, chegou o 16 de xaneiro ao porto de Leixões. Dous días máis tarde, o contedor acabou na sede dunha empresa situada en San Cibrao das Viñas, onde se detivo a todas as persoas implicadas.

Na propia nave atopábanse, ademais do fruteiro, o seu home de confianza e os "notarios" do grupo exportador, que tiñan o labor de testemuñar que a droga chegaba ao destino da forma acordada previamente.

O dispositivo paralelo establecido en Madrid e en Vilagarcía de Arousa deu como resultado a detención de novos implicados, sumando un total de oito persoas arrestadas.

Ademais dos detidos, interviñéronse 430 quilogramos de cocaína, 70.000 euros, varios vehículos de alta gama, decenas de teléfonos móbiles e documentación relativa á importación da cocaína.

Nestes momentos, a operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.