As bicicletas son para o verán e para o campus

Pontevedra
03 de xuño 2021

O Green Campus reivindica a bicicleta como un medio de transporte saudable e sostible entre a comunidade universitaria a través dun acto celebrado con motivo da conmemoración do día internacional dedicado á bicicleta no que participou o Grupo Deportivo Súper Froiz

Evaristo Portela, Carlos Souto e José Luis Barros
Evaristo Portela, Carlos Souto e José Luis Barros / DUVI

O Día Internacional da Bicicleta celébrase este xoves 3 de xuño e o campus de Pontevedra quixo conmemoralo coa colaboración do Grupo Deportivo Supermercados Froiz. Representantes deste club pontevedrés, o director deportivo Evaristo Portela e José Luis Barros, mecánico da entidade, achegábanse ata o exterior da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con dúas bicicletas de competición.

Neste espazo informaron a integrantes da comunidade universitaria sobre as características, posibles arranxos e axustes para utilizar correctamente estes vehículos ecolóxicos. Portela destacou a importancia de que a bicicleta se atope adaptada á altura e constitución física da persoa que a utilice.

Carlos Souto, director do Campus Crea e Green Campus, explicaba que o obxectivo desde a Universidade de Vigo para o campus pontevedrés é que cada día máis persoas pensen na bicicleta como medio de transporte, xa que encaixa no labor de educación ambiental do proxecto Green Campus, que fomenta a práctica da actividade física e a promoción de hábitos positivos para a saúde, ademais da defensa do medio ambiente, segundo recolle Eduardo Muñiz no DUVI.

Evaristo Portela sinalou que é necesario participar neste tipo de iniciativas dirixidas a fomentar hábitos saudable entre a poboación máis nova. O director do Súper Froiz afirmou que as vendas de bicicletas en España aumentaron un 45% durante o último ano coincidindo coa pandemia.

Aquelas persoas que se desprazaron ata o campus en bicicleta recibiron durante esta xornada unha camiseta de agasallo. Carlos Souto lembrou que o campus dispón dun carril-bici que se atopa conectado coa cidade, que ademais ofrece un espazo ideal para o uso deste medio de transporte. O acceso á Facultade de Ciencias dá Educación e do Deporte conta tamén cunha estación de reparacións para estes vehículos

Ao mesmo tempo, a Universidade expuxo algunhas bicicletas para que sexan utilizadas pola comunidade universitaria de forma gratuíta, sempre que cumpran cunha serie de requisitos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora